A Biomasa de cultivos enerxéticos de ENCE e a morte do rural


Incineradora.biomasa

Onte, nunha conferencia de prensa, o presidente e o vicepresidente da xestora de Cerdedo­Cotobade (Jorge Cubela e José Balseiros), ambos do Partido Popular, facían pública a súa solicitude para a instalación no territorio dese concello (na parroquia de Folgoso) da planta de biomasa que Ence tería proxectado supostamente para Lourizán e que, incumprindo as súas promesas á Xunta vai facer en Huelva.

Desde a APDR rexeitamos esta posibilidade rotundamente. Unha planta de biomasa de 40 MW como a que Ence pretende levar a cabo, tan só beneficiaría os intereses da empresa. A queima de materia vexetal procedente de cultivos enerxéticos como o eucalipto para producir electricidade non é nin unha forma ecolóxica de produción de enerxía nin unha alternativa de futuro e emprego para as veciñas e veciños dun concello rural como este.

Como a propia Xunta recoñece, unha planta destas características non cubriría nin de lonxe a súa demanda de materia vexetal con residuos forestais, necesitaría aportes continuados de material procedente de novos plantíos de cultivos como o eucalipto, con ciclos moi curtos de plantaciónqueima­plantación, e o uso masivo de abonos e tratamentos químicos, que empobrecerían os solos e provocarían unha nova vaga de eucaliptización que ocuparía terreos gandeiros e agrícolas produtivos, imposibilitando outros aproveitamentos agora e no futuro.

É ese o único futuro que o goberno municipal de Cerdedo­Cotobade pode ofrecer? Reforzar o desleixo e o abandono do rural para converter este territorio nun deserto verde? Impedir o desenvolvemento doutras alternativas económicas compatíbeis coa conservación do medio, do territorio e dos seus valores culturais e paisaxísticos, capaces de fixar xente no rural en lugar de desprazala? Así pretenden contrarrestar o grave declive demográfico que padecen? Os graves incendios forestais do ano pasado en Cotobade non deberían facer reflexionar sobre un modelo forestal desfasado e curtopracista, en beneficio exclusivo dunha empresa como Ence?

Ben sabemos que esta é a liña que a Xunta do PP, ao ditado de Ence, quere impor para o rural galego. Por iso derrogou o decreto 149/2008 para eliminar a limitación de potencia das plantas de biomasa (que estaba establecida en 10MW) e poder dar paso á construción de megaplantas.

Mais este modelo, que é a morte do rural, pode e debe ser rexeitado e combatido. A planta de biomasa de Ence non debe ser construída nin en Lourizán nin en Cerdedo­Cotobade nin en ningún outro lugar do país.

STOP eucaliptización!

Non á planta de biomasa de Ence!

Descarga a nota de prensa

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print