Temos visto o seu escrito, no que nunha linguaxe chea de expresións belicistas que fan lembrar épocas pretéritas nas que o fascismo imperaba no Estado español (“frentes de guerra”, “caudillo”, “morte”…), e cunha inusitada carga de odio, insultos e acusacións inxuriosas e infundadas, dedícase a falsear a verdade; falsea Vde. o dito pola nosa Asociación na nota á que fai referencia, máis tamén as nosas posicións e actitudes respecto de ENCE ao longo da nosa existencia.
Descoñecemos se estamos diante dun escrito estritamente persoal ou se Vde. fala en nome e representación do Comité de empresa; neste sentido, indicar que temos certas dúbidas de que a totalidade do Comité de empresa -e moito menos o conxunto do persoal- asuma como seu este escrito. Unha frase vertida neste escrito, na que Vde. semella poñer en dúbida a unanimidade dos membros do Comité á hora de defender os intereses da maioría do persoal, permítenos pensar que as nosas dúbidas están fundamentadas.
Entrando xa no asunto que nos ocupa, saiba en primeiro lugar que, no escrito ao que fai referencia, limitabámonos a recoller cousas expresadas previamente por Vds. nunha nota de prensa. Nese sentido, reafirmámonos punto por punto en todo o dito daquela.
Saiba tamén que, contrariamente ao vertido no seu escrito, a nós non nos “apadriña” ningún partido; que a única dependencia que temos na Xunta Directiva é a da Asemblea de socios e socias, que -ano tras ano- elixe os cargos de representación, e que nos autofinanciamos coas súas cotas e mediante actividades económicas específicas. A que vén logo esa afirmación infundada? En que se basea, pois, para cualificar á APDR de “asociación turbia”?
Trabúcase Vde. -con seguridade de forma interesada- cando di que a APDR afirmou que a esixencia do peche de ENCE era só por motivos ambientais; abonda con botar man da hemeroteca para ver que o noso obxectivo de conseguir o saneamento e a recuperación da Ría ten vertentes ambientais, socio-económicas e de saúde, aspectos todos eles nos que incide de forma negativa a presencia ilegal de ENCE nos terreos gañados ao mar en Lourizán. A proba de que a especulación urbanística non está entre os nosos intereses, queda abondo probada con botarlle un ollo ao proxecto de “re-naturalización dos terreos ocupados por ENCE”, elaborado en colaboración coa Escola de Arquitectura de A Coruña e que responde ao noso proxecto de futuro para esa zona. E trabúcase, tamén interesadamente, cando di que “omitimos outros vertidos e neglixencias”; descoñece Vde. que son moitas as denuncias interpostas pola APDR pola presenza continuada de vertidos aos ríos Lérez e Gafos? Descoñece tamén que a condena da UE ao Estado español polo incumprimento da directiva de vertidos de augas residuais urbanas tivo coma orixe unha denuncia da APDR e como consecuencia a modificación da EDAR de Os Praceres e a posta en funcionamento dun novo emisario submarino para aqueles vertidos á Ría? A ignorancia non xustifica pronunciamentos inxustificados.
Resulta realmente lamentábel que sexa Vde. quen de acusar á APDR de utilizar a violencia; non por nada, senón porque nunca a temos utilizado; facer manifestacións pacíficas ou verter ideas nun panfleto non creo que supoña ser violento. Como pode dicir que os traballadores de ENCE “teñen sufrido ameazas e atentados a mans da APDR” cando neste conflito as únicas ameazas, chantaxes e provocacións -desde sempre- proceden da fábrica e dos seus Comités de empresa? Esqueceu xa Vde. a violencia exercida contra a cidadanía pontevedresa nas súas mobilizacións? Non lembra quizais a súa inadmisíbel actuación xunto aos seus compañeiros no boicot ao pregón das festas da Peregrina? Non debera ignorar tampouco que esa violencia fixo que boa parte das persoas que defendían a presencia de ENCE na Ría polos seus postos de traballo, teñan mudado de posición.
Sen entrar no tema de quen mobiliza mais ou quen ten mais apoio social, non lle parece moi esaxerado dicir que as súas mobilizacións “inundaron Pontevedra e o resto de Galicia” cando, se algunha mobilización maioritaria houbo na nosa cidade foi a que tiña como obxectivo mostrar a repulsa pola concesión da prórroga a ENCE? Pénseo…
Xa para rematar, indicarlle que moitas das acusacións, insultos, inxurias e calumnias que verte Vde. no seu escrito contra a APDR, personificados en moitos casos na figura do seu presidente, poden ter carácter delituoso e, xa que logo, ser obxecto dunha demanda xudicial contra a súa persoa polo dereito á defensa que nos asiste; e saiba Vde. que na nosa Asociación valoraremos exercer este dereito.