Nin espazo natural, nin usos para Tambo; mais sí plan de emerxencia.


Foto da APDR, da limpeza realizada o domingo 30 de agosto de 2015 na Illa de Tambo

O Alcalde Angel Moldes vén de impulsar a aprobación dun chamado “Plan de Emerxencias e Autoprotección para a Illa de Tambo”. Polo visto, este Plan aprobarase no último Pleno Municipal do 2024, o día 31 de Decembro, unha decisión que na APDR consideramos contraria ao comportamento transparente e democrático que debe presidir o funcionamento de calquera administración pública.

En primeiro lugar, porque o propio Angel Moldes indicara na última Comisión de Seguimento para a Illa de TAMBO (Comisión que, por certo, leva 6 meses sen reunirse) que “este Alcalde non aprobará nada sen o consenso desta Comisión”.

Debemos indicar que no mes de agosto pasado o Concello de Poio solicitou ás organizacións que facemos parte da amentada Comisión de Seguimento, o estudo e presentación de suxestións sobre o documento “Proposta de declaración do espazo natural ‘illa de Tambo’ como espazo natural de interese local-ENIL e plan de usos e conservación”, suxestións que desde a APDR temos presentado en tempo e forma. Neste sentido, era lóxico agardar deste Concello a resposta ás “alegacións” e, con posterioridade, o inicio dun traballo na Comisión para tratar de chegar ao necesario consenso para a redacción do documento definitivo. A decisión adoptada agora polo Alcalde Moldes supón, pois, a ruptura unilateral do consenso e a imposición dunha nova vía de actuación ao respecto da declaración de Tambo coma ENIL

Para a APDR -que descoñece o contido concreto do documento proposto agora ao Pleno do Concello para a súa aprobación provisional- a prioridade ao respecto da illa de Tambo é a súa protección ambiental como espazo natural de elevado valor e, xa que logo, a declaración como ENIL, que supón -entre outras cousas- a definición dos usos que legalmente se lle poderán dar á illa, proposta defendida polo Concello de Poio desde a asunción da Titularidade da illa en marzo de 2022.

Xa por último, debemos insistir que nas nosas “alegacións” amosabamos importantes discrepancias co exposto no documento proposto polo Concello, particularmente no que fai á construción de novas edificacións na illa e a certos usos propostos para aquelas xa existentes na actualidade.

Por todo o exposto, consideramos que a aprobación deste chamado Plan de Emerxencias, un documento que, por ser descoñecido na Comisión de Seguimento, non pode gozar do necesario consenso, entra en contradición co traballo feito ata hoxe e sitúa ao Alcalde Moldes nunha posición antidemocrática que pode dar ao traste co funcionamento da comisión e mesmo mesmo coa súa continuidade.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print