Rueda: un novo episodio de submisión ao poder de ENCE


Como se das linotipias dos vellos medios de comunicación se tratase, desde que se coñeceu a noticia, as redes sociais botaban fume ao transmitila aos catro ventos. O presidente da Xunta de Galicia, Sr. Rueda, viña de nomear a como Directora Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade na Consellería de Medio Ambiente, unha consellería na que a Sra. Echevarría se move como peixe no auga por ter ocupado durante algo máis de nove anos o cargo de Subdirectora Xeral de Calidade Ambiental e, sen solución de continuidade, o de Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental, asumindo funcións e responsabilidades que gardan unha estreita relación cos comportamentos ambientais das instalacións empresariais.

Con seguridade a noticia non tería acadado tal repercusión de ser outra a persoa elixida para o cargo; o certo é que a notoriedade vén dada polo feito de que a Sra. Echevarría está vinculada conxugalmente con Antonio Casal, hoxe director territorial de ENCE en Galiza e durante moitos anos director de ENCE-Pontevedra, anos nos que -entre outras cousas- as fábricas de ENCE e ELNOSA conseguiron unhas máis que dubidosas Autorizacións Ambientais Integradas (AAI), uns procedementos administrativos nos que de forma directa e/ou indirecta interviñeron a Sra. Echevarría e a súa irmá Amaya, cun cargo executivo na cloreira. En calquera caso, e mais alá daquel escuro capítulo na historia da Sra. Echevarría, esta decisión supón un novo episodio na carreira de submisión a ENCE do Sr. Rueda, iniciada cando ocupaba a cadeira de Vicepresidente. Daquela, e diante da negativa da Presidenta da Deputación de negociar con ENCE o traspaso do Pazo e granxa de Lourizán á fábrica, Rueda actuou como recadeiro do Sr. Casal para tratar de resolver o negocio de forma satisfactoria para os intereses empresariais. E, desde aquela, a submisión aos intereses de ENCE -herdanza directa do seu valedor Núñez Feijóo- non fixo mais que medrar até hoxe; abonda con lembrar o escandaloso comportamento da Xunta de Galicia e do propio Rueda na defensa a toda costa dunha prórroga ilegal e fronte á decisión da Audiencia Nacional que sancionaba esta ilegalidade. A defensa que fai da instalación de Altri en Palas de Rei, aceptando agora o que negou cando se falaba do traslado de ENCE (“o río Ulla non permite captar a auga necesaria”), non fai máis que confirmar a súa total dependencia da pasteira e do propio Sr. Casal.

Pois ben, coa decisión que toma agora de nomear Directora Xeral á esposa do seu “padrino”, unha decisión que permite falar de nepotismo, sobe un chanzo nesa ignominiosa carreira na defensa dos intereses privados de ENCE (e tamén de ALTRI). Non se pode esquecer que esta Dirección Xeral vai intervir en moitos procedementos de enorme transcendencia para o futuro desta empresa (entre outros na modificación do Plan Sectorial de Interese Supramunicipal), o que -como xa aconteceu no pasado- permitirá a toma de decisións por unha trama “político-familiar” que vai velar polo seu interese particular deixando relegado o dereito do conxunto da cidadanía a un medio ambiente limpo, a unha mellor calidade de vida e á saúde, dereitos que son conculcados desde hai demasiado tempo pola presenza de ENCE na Ría.

Desde a APDR, solicitamos a rectificación do nomeamento por parte do Consello da Xunta e, ao tempo, anunciamos a nosa firme decisión de loitar por todos os medios ao noso alcance para que esta decisión sexa revogada.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print