A “APDR” apoia a manifestación das mariscadoras da ría de Pontevedra.


A situación que atravesa o sector marisqueiro tradicional nas rías galegas en xeral e nas rías baixas de forma particular, é altamente preocupante. Como consecuencia de múltiples factores (climáticos, ambientais e derivados da contaminación) e dunha mala xestión ambiental, está a sufrir a desaparición das especies de maior valor comercial, a caída da produción e -xa que logo- a dos ingresos económicos, unha situación que -de non se poñer remedio de forma inmediata- pode levar á subsistencia dun sector que debe seguir sendo o motor económico das rías galegas.

Desde a APDR, que temos apoiado recentemente o chamado “Plan de actuación na defensa do noso mar” para salvagardar aos sectores tradicionais do marisqueo, a pesca artesanal e a acuicultura extensiva, loitamos polo saneamento e recuperación da Ría de Pontevedra e, por esta razón, damos agora tamén o noso apoio á manifestación que as mariscadoras da Ría teñen convocado para o vindeiro día 30. Entendemos absolutamente prioritario abordar dunha vez por todas o problema da calidade das augas da Ría, o seu saneamento integral, e a rexeneración dos bancos marisqueiros, o que implica o control exhaustivo de todas as verteduras á Ría e aos ríos que a conforman.

Non debemos esquecer, en calquera caso, que nesta situación hai unha clara responsabilidade da Xunta de Galicia que, coñecedora da incidencia do cambio climático, os incendios forestais e a contaminación sobre a situación dos bancos marisqueiros, preferiu mirar cara a outro lado.

Así as cousas, esiximos o control e a depuración eficaz de todos os vertidos de orixe doméstica e a eliminación daqueles vertidos industriais que poidan entrar en colisión co obxectivo perseguido. Neste sentido, preguntámonos, canto tempo imos seguir negando o dano destes vertidos á Ría? Canto tempo imos seguir pechando os ollos á evidente responsabilidade dos vertidos de ENCE na situación da nosa Ría?

Ver vídeo: https://www.facebook.com/PeDRArousa/videos/960676125439149

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print