A Xunta de Galicia vén de someter a información pública o proxecto de modificación do Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal (en adiante PSIS) para o asentamento industrial de Lourizán (ENCE), un PSIS que tiña por obxecto a instalación dunha fábrica de papel tisú en Lourizán e que, fracasado aquela pretensión da Xunta e ENCE, aplícase agora á fábrica de ENCE para pasar por riba do Concello de Pontevedra.
Máis alá das conclusións que desde a APDR poidamos tirar do estudo pormenorizado dos documentos agora expostos pola Secretaría Xeral da Xunta, e das alegacións que poidamos presentar no seu día, queremos dar a coñecer á veciñanza o que vai supor este proxecto de ir adiante como pretenden o Goberno galego e a propia ENCE. Baixo a denominación de “modificación puntual do PSIS”, agóchase unha ampliación da fábrica de pasta de Lourizán e, con ela, o aumento da agresión ao medio e das molestias á veciñanza.
Con efecto, e por máis que se pretenda “vender” que a modificación ten por obxecto a diminución dos impactos ambientais, do consumo enerxético e da auga, das emisións á atmosfera e os vertidos á Ría, unha primeira lectura das Memorias presentadas pola empresa, permite observar o verdadeiro alcance do proxecto que, entre outras cousas vai supor:- Un aumento da produción de pasta.
– Un aumento inicial no volume de vertido á Ría, que tal como se recolle na Memoria “podrá verse reducido a un caudal similar al actual” en función da pretendida re-utilización da auga residual da EDAR de Os Praceres e da EDARI da fábrica,
– Un aumento no consumo de auga. Así se recoñece nun dos documentos: “la planta necesitará a corto plazo una cantidad de agua similar a la actual. A medio plazo es previsible un aumento del
consumo de agua”.
– Eliminación das actuais balsas de decantación, sen explicar como se van recuperar eses espazos nos que se foron depositando compostos contaminantes (entre eles mercurio) ao longo dos anos e que, por percolación, poden estar chegando á Ría.
– Instalación de novas estruturas, moitas delas de enormes dimensións e, como consecuencia, aumento do impacto visual e na paisaxe.
– Aumento do número de camións que circularán diariamente polas estradas e, xa que logo, das molestias á veciñanza (ruídos,…) e danos ao medio (aumento da emisión de gases de efecto invernadoiro).
Para a APDR, que segue considerando ilegal a aplicación da figura do PSIS á fábrica de ENCE, o proxecto sometido agora a exposición pública debería ser rexeitado por calquera Administración que teña entre os seus obxectivos a defensa do medio, a loita contra o cambio climático e a defensa dos dereitos da cidadanía, dereitos que entran en colisión cos privilexios empresariais