A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) vén de presentar alegacións ao proxecto da “Unión do Itinerario peonil entre Marín e Placeres”, un proxecto que -en boa medida- entra en contradición coa aspiración da Asociación de recuperar a zona que hoxe ocupan algunhas infraestruturas viarias como a PO-11 e a PO-12 e o complexo ENCE-ELNOSA e que axudaría a normalizar a presenza das citadas infraestruturas e do propio recinto fabril. Porque na APDR non renunciamos a recuperar as nosas praias urbanas e o banco marisqueiro roubados coa chegada de ENCE. Non semella lóxico, xa que logo, seguir facendo intervencións urbanísticas que estarían chamadas a seren eliminadas no futuro.
Pero, ademais, a APDR atopa distintas eivas no proxecto proposto, entre elas o feito de que o paseo e o carril bici rematen nos Praceres, cando o lóxico sería chegar ate Marín, ou que no último tramo do paseo compartan espazo ciclistas e peóns.
Os materiais utilizados para a construción da pasarela peonil, de aluminio e pavimentación con material sintético de fibra orgánica e policloruro de vinilo imitando a madeira, non semellan os máis axeitados tendo en conta que se trata de dar continuidade ao paseo existente na actualidade, realizado en madeira tratada. E o mesmo sucede no paseo peonil e carril-bici, cunha pavimentación en base a elementos de formigón de cor “semellante á madeira”.
Por outra banda, a pasarela proxectada, vaise construír sobre o borde mariño utilizando para elo unha cimentación a base de pilotes fincados sobre o fondo do mar, o que pode provocar problemas ambientais, tanto polo que fai ao movemento de materiais do sedimento, como pola máis que posíbel existencia de rochas que -como se admite no proxecto- terán que romperse mecanicamente, o que supón unha clara incidencia no medio.
Este proxecto deixa en evidencia máis unha vez o absurdo de manter nesta zona un complexo como ENCE-ELNOSA que está a interferir de forma clara no desenvolvemento urbanístico de Pontevedra e Marín, e que leva á administración a realizar proxectos cos que se pretende solventar problemas que, de non ser por esta realidade, poderían ser resoltos sen necesidade de afectar como se fai neste caso sobre o medio natural.
En base ás alegacións presentadas, a APDR solicita a retirada do proxecto e que se enfronte dunha vez por todas a eliminación do verdadeiro problema na zona, que non é outro que o da presenza do complexo industrial de Lourizán, o que solventaría os problemas ambientais da comarca pero tamén os urbanísticos da zona comprendida entre Pontevedra e Marín, facendo posíbel solventar de forma axeitada os problemas que -de forma parcial e pouco precisa- pretende solventar este proxecto.
Ver alegacións
Descargar nota de prensa da APDR