APDR solicita a retirada do selo de xestión forestal sostíbel (FSC) a ENCE


A Asociación Pola Defensa da Ría, como parte integrante da Federación Ecoloxista Galega (FEG), vén de solicitar á auditora alamana GFA, a cancelación do selo FSC á empresa ENCE. O selo de xestión forestal sostíbel FSC, certifica que calquera produto que o posúa procede de montes xestionados de forma sostible, sustentabilidade que non existe nas parcelas de eucaliptos xestionadas por ENCE. Neste sentido, a certificación realizada pola empresa GFA no caso de Celulosas está falseada.

Cando no ano 2005, concedéuselle por primeira vez o selo FSC a ENCE, a APDR iniciou un proceso de reclamación que rematou coa obrigada renuncia de ENCE a manter o selo no ano 2008; con posterioridade, e coa inestimábel colaboración das empresas certificadoras (Bureau Veritas e a propia GFA) ENCE iniciou novos procesos de certificación que permitiron a concesión do certificado en 2016 e a recertificación (que se debe facer cada 5 anos) no 2021. En todos os casos, a Asociación Pola Defensa da Ría solicitou aos certificadores que realizaron a auditoría, que presentasen evidencias do cumprimento dos 10 principios de xestión forestal sostible do FSC, unha esixencia do protocolo de certificación que require a “descrición sistemática das observacións que demostran a conformidade ou desconformidade cos requisitos normativos FSC”, sen que apareza -na información pública facilitada polas empresas- ningún feito que amose o cumprimento dos amentados principios. A falsificación do proceso de certificación é patente e susténtase no interese das empresas certificadora e certificada en manter, respectivamente, os beneficios económicos e de mercado asociados ao proceso.

Ao longo dos anos de seguimento das plantacións de eucalipto que ENCE xestiona en Galiza, APDR e FEG temos comprobado que o modelo de xestión practicado provoca danos irreversibles nos solos, favorecendo a erosión, e que é prexudicial para a biodiversidade, para os recursos hídricos e para a paisaxe. A solicitude á auditora GFA que agora anunciamos, baséase na evidencia de todos estes feitos que entran en contradición cos principios e criterios establecidos no sistema FSC; no incumprimento da lexislación en materia de faixas de protección e seguridade laboral e na elevada pegada de carbono da actividade forestal de ENCE que, coa emisión dunhas 700.000 toneladas de CO2 anuais, sitúase entre as máis altas de todo o Estado.

Na APDR, somos conscientes de que tanto o Eucalyptus globulus como o E. nitens (especies que planta ENCE en Galiza) son especies invasoras e pirófitas, que utilizan o lume como medio de propagación e eliminación de competidores, o que supón un perigo elevado na expansión dos lumes forestais que ano tras ano soportan os montes galegos, un problema que se vai ver incrementado co avance do cambio climático. Moito nos tememos que as grandes plantacións de eucalipto de ENCE sexan nun futuro próximo o instrumento necesario para unha catástrofe de grandes dimensións.

Para a APDR, esta reclamación, solidamente fundamentada nos graves danos aos sistemas forestais e ao medio ambiente, ten que ser atendida polos responsables da certificación e da vixilancia da mesma, pois, do contrario, estariamos diante dun grave problema de solvencia técnica e ética da empresa GFA e do propio sistema FSC.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print