Novo vertido no río Gafos


O 21 de setembro, xoves, aproximadamente ás 12 horas do mediodía, informounos un cidadán da existencia dun vertido no río Gafos, un vertido que -polo que se podía observar no video que nos fixo chegar e que xuntamos neste correo- cubría boa parte da zona do río ao paso pola nosa vila e que pola súa aparencia poida que se trate dun arrastre de terra, sen que poidamos descartar ningunha outra hipótese.

Desde a APDR -que fixemos saber deste vertido á policía local e Viaqua- queremos chamar a atención, máis unha vez, sobre unha situación que se ven repetindo sistematicamente e desde hai demasiado tempo; abonda con que se produza algún episodio de fortes choivas sobre a vila para que no Gafos (e tamén as veces no Lérez) aparezan vertidos de fecais, arrastres de terra, ou mesmo a mestura de ambos os dous, unha situación que a pesar das múltiples denuncias segue sen resolverse.

Na APDR descoñecemos a causa deste vertido e, xa que logo, a responsabilidade do mesmo, pero entendemos que as diferentes administracións con competencia neste terreo teñen a obriga de poñer fin, de forma definitiva, a unha situación que non fai máis que danar o medio ambiente natural e, ao tempo, a nosa imaxe como cidade que loita por unha mellor calidade de vida para o conxunto da cidadanía.

Coa esperanza de que se determine a natureza do vertido, a responsabilidade do mesmo e -de ser o caso- se apliquen as correspondentes sancións, agradecemos á cidadanía nos faga chegar calquera información sobre estes ou outros problemas ambientais que poida observar para, desde a nosa Asociación, poidamos tratar de conseguir obrigar ás autoridades competentes a solventalos.

Ver vídeo en: https://www.facebook.com/defensadaria/videos/348638010849750/

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print