O pasado martes día 4 de xullo, sobre as 13 horas, puidemos observar un vertido á altura das pontes do tren sobre o Lérez, na zona onde o río ábrese cara á zona dos coñecidos como Salóns do Lérez, unha zona cun elevado interese ambiental. Hoxe, xoves, vemos como o que daquela semellaba ser un vertido puntual, de escasa entidade, continúa producíndose e acada xa unha dimensión máis preocupante no que á zona de influencia se refire.
Na APDR -que ao tempo que escrebe esta nota de denuncia pública da situación, ten informado xa á persoa responsábel do “ciclo da auga” no Concello- descoñecemos a procedencia do vertido e mesmo a súa natureza; en todo caso, polo seu aspecto visual, entre marrón e vermello, poida que se trate dun vertido de terras procedentes dalgunha obra realizada nas inmediacións, mesmo dalgunha infraestrutura viaria. Xuntamos información gráfica do vertido.
Con independencia da súa orixe e natureza, na “Asociación Pola Defensa da Ría” queremos chamar a atención sobre a necesidade de protexer o medio ambiente natural no noso Concello e na comarca, dun xeito moi particular por se tratar dun importante valor, os nosos importantes ríos; esiximos, pois, que se manteña unha especial vixilancia sobre a calidade das súas augas impedindo que se realicen vertidos incontrolados e perseguindo, no seu caso, aquelas condutas contrarias á súa protección.
Ver vídeo: en https://www.facebook.com/defensadaria/videos/662792025722189