A “APDR”, que xa tiña presentado achegas á consulta aberta inicialmente pola Xunta sobre o tema, vén de presentar alegacións ao anteproxecto de “Lei de ordenación do litoral de Galicia” elaborado polo Goberno galego. Trátase dun texto que, ao noso entender, pode entrar en contradición coas competencias do Estado; con efecto, atribúese sen ningún pudor competencias estatais na xestión dos títulos de uso e ocupación do dominio público marítimo-terrestre (DPM-T), unhas competencias que -na práctica- ningunha comunidade autónoma exerce sen a tutela do Estado. Xérase así un conflito que, sen lugar a dúbidas, rematará nos tribunais de xustiza e pode paralizar esta lei durante anos facendo un fraco favor ao interese da costa galega. De feito, algunha das Leis de ordenación do litoral das comunidades autónomas que teñen modificado o seu estatuto (Cataluña, Baleares, Andalucía e Canarias) sufriron esta paralización.
Esta estratexia electoralista de confrontación co Estado, non é a única que transcende na redacción desta lei; advírtese este mesmo obxectivo cando se fala da necesidade de “dotar de seguridade xurídica” ás actividades e usos instalados sobre o noso litoral. O certo é que, na situación actual, todas aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, teñan que ocupar o DPM-T, gozan de absoluta seguridade xurídica.
O anteproxecto confunde, interesadamente ao noso xuízo, o concepto de “litoral” co das “actividades a desenvolver no litoral”. Se o que se pretende con esta lei é ordenar o litoral galego, non se pode poñer a súa protección ambiental ao mesmo nivel que o seu uso para actividades económicas e sociais, pois na maior parte das ocasións resultan incompatíbeis cos obrigados criterios de protección ambiental. Non se trata tanto de “garantir que a presión que as actividades humanas que se realizan no litoral se manteña en niveis compatíbeis co medio ambiente” como de “tomar as medidas necesarias para diminuír da forma máis drástica posíbel as inevitábeis presións que exercen aquelas actividades que, pola súa natureza, inciden negativamente no medio”.
Para a APDR, non é posíbel abordar a ordenación do litoral máis que cun enfoque intimamente ligado á súa protección, e non é este enfoque o que preside o texto. Abonda coa lectura do articulado proposto no anteproxecto da lei para confirmar que cando se deixa ver unha posición de carácter “ambientalista”, responde máis a unha posición estética que ao compromiso real coa defensa medio ambiental do noso litoral, que na práctica totalidade dos casos aparece ocupando unha posición subsidiaria á protección das actividades económicas e outros usos que se desenvolven na franxa costeira.
Na APDR, somos conscientes do enorme potencial económico que as actividades tradicionais da pesca de baixura, o marisqueo e a acuicultura teñen na Galicia; somos conscientes tamén do interese social doutras actividades de lecer, deporte e saúde compatíbeis coa protección ambiental do litoral, polo que todas as nosas alegacións (un total de 52) perseguen a necesidade de conservación dos recursos costeiros que permitan o seu desenvolvemento presente e futuro. Xa que logo, non podemos concordar coa potenciación dos usos do litoral por “lobbies” enerxéticos ou turísticos, nin coa das actividades acuícolas intensivas, aspectos todos eles que se contemplan no texto da Xunta.
Coas nosas alegacións, perseguimos dar a mellor protección posible á costa, pero nunca defender intereses que nada teñen que ver co seu uso racional. Máis unha vez, a Xunta de Galicia pretende supeditar o interese xeral aos intereses particulares dos sectores privados e aos seus intereses partidistas.