As nosas achegas baséanse no feito de que a ordenación e protección do litoral inscríbense nun marco estatal no que as comunidades autónomas só poden ditar normas adicionais que, sen entrar en contradición coa lexislación estatal, recollan medidas máis ríxidas na protección da costa e o territorio. No relativo aos bens de dominio público marítimo-terrestre, como indica a Lei de Costas, non se admitirán máis dereitos que os de uso e aproveitamento adquiridos de acordo coa amentada Lei.
Neste sentido, facemos referencia á posición do goberno galego no que ao dominio público marítimo-terrestre se refire, unha posición que favorece o seu uso para actividades económicas privadas fronte á obrigada protección ambiental; a loita pola permanencia de ENCE en Lourizán en contra do disposto na Lei de Costas e os seus intentos de pasar por riba das sentencias que poñen fin á concesión, son exemplos que evidencian este comportamento.
Na APDR somos conscientes do enorme potencial económico que as actividades derivadas da pesca de baixura, o marisqueo e a acuicultura teñen na Galiza; en calquera caso, un proxecto de lei de ordenación do litoral galego non pode poñer a protección ambiental da zona ao mesmo nivel que o seu uso para actividades económicas e sociais, pois son moitas as ocasións nas que estas actividades resultan incompatíbeis cos obrigados criterios de protección ambiental. Ademais, debe considerar prioritaria a resposta á nova situación de emerxencia climática, que obrigará a restrinxir de forma drástica os usos na franxa costeira.
Ao noso entender, unha nova lexislación autonómica de ordenación da nosa franxa costeira, xustificaríase só no caso de perseguir un maior nivel de protección, o que suporía fixar criterios máis estritos dos actualmente existentes, unha opción que entendemos desexábel tendo en conta a situación de emerxencia climática á que nos enfrontamos.
En base aos criterios xerais expresados, concretamos distintas achegas; citaremos algunha delas de forma sintética:
1.- Evitar o deterioro daquelas zonas que, ao longo de toda a costa galega, manteñen aínda sen desnaturalizar os seus valores (ambientais, paisaxísticos…) impedindo o emprazamento de
edificacións e instalacións que non farían máis que afondar no seu deterioro.
2.- Re-naturalizar aquelas zonas que -por distintas causas- teñen sufrido agresións de consideración nos seus valores naturais, ambientais, ou paisaxísticos.
3.- Eliminar todas aquelas instalacións e/ou actividades situadas indebidamente no dominio público marítimo-terrestre, reservándoo para aquelas que facendo parte do complexo mar-
industria teñan que permanecer, pola súa natureza, nesa zona litoral.
4.- Afrontar a recuperación dos ecosistemas costeiros adoptando as medidas necesarias para facer fronte á perda de biodiversidade.
5.- Deseñar medidas de protección naquelas zonas do litoral que van sufrir o aumento do nivel do mar como consecuencia do cambio climático, reordenando ou trasladando -no seu caso- as instalacións alí existentes.
Xa por último fixemos constar a nosa esixencia á Xunta de Galicia de que, unha vez elaborado o proxecto de “Lei de ordenación do litoral”, se poña a exposición pública o texto.