A APDR denuncia o comportamento cínico e incoherente de Rafa Domínguez.


De non ser porque coñecemos abondo ao Partido Popular, ao seu líder local, e as estratexias da empresa ENCE, deberiamos estar sumidas hoxe nun estado de fondo desconcerto. Rafael Domínguez, defensor a ultranza da empresa ENCE, que mesmo obvia a lexislación para apoiar a permanencia da empresa na Ría de Pontevedra, que apoiou coa súa presenza o “bochornoso” boicot da empresa ao pregón das festas da Peregrina-2021, e que aplaude a busca de “solucións xurídicas” ilegais que permitan pasar por riba das sentencias da Audiencia Nacional que declaran ilegal a prórroga concedida polo Goberno de Mariano Rajoy, vén de afear publicamente a ENCE que teña suspendido “de forma unilateral” o chamado “plan social” que desde o ano 2016 debería ter repartido 3 millóns de euros anuais entre os colectivos da comarca. E anuncia que “esixe a ENCE que retome ese compromiso social”.

Sorprende, iso si, que teña agardado tanto tempo en tomar esta decisión; hai que lembrar que gardou o máis absoluto silencio cando -en repetidas ocasións- a nosa Asociación denunciou esta situación. Porque estivo calado tanto tempo? Que lle fai romper o seu silencio e denunciar agora o incumprimento nos últimos anos? Descoñece que ENCE tampouco cumpriu ese compromiso no ano 2016? Poida que o Sr. Domínguez teña aprendido xa que en Pontevedra non se poden gañar as eleccións locais enfrontándose á maioría social que esixe a saída de ENCE da Ría; nese caso, esta decisión respondería unicamente a un cálculo electoral.

En calquera caso, resulta novidoso que se desmarque da fábrica ao recoñecer que a situación xudicial ao respecto da prórroga non pode levar ao incumprimento do compromiso adquirido.

Porén, o Sr. Domínguez adopta unha decisión timorata cando denuncia esta situación. Esquece conscientemente que este “pacto social” foi parte dun compromiso máis amplo, como “pago” polos 60 anos de prórroga, e que son moitos -e máis importantes pola súa repercusión social- os aspectos incumpridos por ENCE. Esquece tamén que este compromiso foi asinado entre a empresa e a Xunta de Galicia, que debería ser garante do seu cumprimento íntegro. Neste sentido, a posición do Sr. Domínguez agocha unha boa dose de cinismo e incoherencia.

Que razón lle leva a non esixir, por exemplo, que ENCE cumpra o seu compromiso de reducir de forma drástica a captación de auga do Lérez para pasar dos 38.000 m3 diarios que captaba naquel momento a tan só 4.000 m3/día, re-utilizando a práctica totalidade da auga do seu proceso industrial? De ser coherente, debería telo esixido e debería ter denunciado tamén a complicidade da Xunta ao permitir este comportamento ilegal.

Así as cousas, resulta inaceptábel que ENCE presente agora como novidosa solución ambiental a utilización da auga da EDAR de Os Praceres no seu proceso industrial cando hai tempo que tiña que ter adoptado este procedemento re-utilizando as súas propias augas de vertido. Pero resulta denunciábel tamén que a Xunta de Galicia, e o responsábel local do PP en Pontevedra, silencien esta realidade e aplaudan fervorosamente a decisión empresarial.

Poida que o Sr. Domínguez descoñeza todas estas cuestións; de ser así, non é merecente do apoio e o respaldo da cidadanía pontevedresa; de coñecelas e non telas denunciado, tanto el como as súas declaracións perderían calquera credibilidade.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print