Manifestámonos: “Touradas nunca máis”


Dende a APDR apoiamos e participamos na Manifestación “Touradas nunca máis” o vindeiro sábado 13 de agosto, organizada por Touradas Fóra de Pontevedra.

Ver abaixo os vídeos, as galeria de fotos e o manifesto lido por Tareixa Alonso de Pavís Pavós.

♦ Ver vídeo de Galiza Contra Info:

♦ Ver vídeo de Ecoloxistas en Acción Rías Baixas:

 

♦ Ver vídeo da manifestación de Almu Dapena en PontevedraViva: https://pontevedraviva.com/uploads/videos/mp4/048/62f801a017-whatsapp-video-2022-08-13-at-8.26.02-pm.mp4

 

♦ Ver galeria das fotos recibidas da manifestación:

 

♦ Ver galería de fotos da manifestación de Almu Dapena en PontevedraViva: https://pontevedraviva.com/galeria/7670/manifestacion-touradas-nunca-mais-13-agosto-2022/

 

♦ Ver galeria das fotos previas á manifestación:

 

♦ Ver Manifesto lido por Tareixa Alonso de Pavís Pavós:

Boa tarde a todas e todos,

 

Agradecémosvos de novo a vosa presenza hoxe aquí. Vai xa máis dunha década de mobilizacións pola abolición das touradas na nosa cidade. Neste tempo aumentaron a concienciación, o traballo e a participación nas manifestacións que desde Touradas fóra de Pontevedra convocamos ano tras ano. A pesar da descarada ocultación á que en ocasións é sometida a nosa loita por parte de quen defenden os intereses dos empresarios da tortura animal, a xustiza do que defendemos consegue abrirse paso e dar corpo a unha das maiores manifestacións das convocadas de maneira regular en Pontevedra.

 

Mais sabemos ben que isto non é suficiente. O noso obxetivo non é convocar manifestacións exitosas, o noso obxetivo é a abolición das touradas. Un obxetivo que estamos certas de que cada día está máis próximo mais para o que temos que seguir a loitar con firmeza, por iso, animámosvos a tomar partido e facer parte activa desta loita, unha loita dura e prolongada no tempo mais que con perspectiva, podemos ver que acadou grandes resultados. Así, nestes anos vimos como a feira tivo que reducir os seus días, institucións declararse antitouradas, retirar a publicidade taurina do programa de festas das Peregrinas, á Deputación de Pontevedra retirar as grandes subvencións que mantiña o expresidente Louzán, etc. Isto é grazas a unha loita colectiva que non desiste.

 

Como dixen antes, esta vitoria está máis próxima porque a conciencia da xente ante un caso tan flagrante de crueldade contra os animais non fai máis que aumentar. Este é un pequeno paso adiante no camiño cara unha sociedade mellor, cunha maior harmonia entre a especie humana e as demais especies animais e a natureza no seu conxunto. Unha pequena esperanza nunha época na que noutros ámbitos a humanidade retrocede frente ás tendencias insolidarias e violentas que alenta un sistema baseado na busca do beneficio sen deterse ante calquera outra consideración.

 

Nos últimos dous anos a pandemia provocou que a única feira taurina existente en Galiza non se puidera celebrar. Como vedes, nada mudou en Pontevedra, a vida segue, as actividades culturais non decaen, o mundo laboral é alleo á existencia desta feira e isto é a mostra de que Pontevedra non precisa das touradas, un espectáculo bárbaro que dana a imaxe da nosa cidade.

Si, amigas e amigos, Pontevedra é unha vila coñecida internacionalmente por diversos factores, todos eles positivos, mais as touradas danan seriamente a imaxe da cidade. Queremos máis cultura viva, concertos, espectáculos de rúa, actividades deportivas, obradoiros, teatro, cine, todo o contrario ao que representa esta feira que teima en manter vivo valores que xa ninguén apoia.

 

A nosa rebelión ante o maltrato animal está a mudar as ideas e a percepción social en relación ás touradas. Cada vez é menos xente a que as defende e cada vez é manos xente a que se situa nunha posición de indiferencia ou suposta neutralidade. Os feitos están á vista en Pontevedra; a súa “feria taurina” vive unha época de decadencia, como os mesmos taurinos recoñecen. E a causa é clara: o negocio non rende porque o interese decae.

Decae a pesar de que a de Pontevedra é, infelizmente, a derradeira feira taurina organizada de maneira regular que ten lugar no noso país logo do fin das touradas na Coruña. Nin así conseguen encher a praza de San Roque, nin así conseguen rentabilizar o seu negocio, por isso teñen que reducilas. Como dixemos tantas veces, se as touradas se tivesen que manter en exclusiva das súas propias forzas e non de drenar subsidios e recursos públicos, o seu final aceleraríase moito. Se a feira tivera que celebrarse fóra das festas da Peregrina, non asistiría ninguén, eles saben as súas limitacións.

 

Por iso mesmo temos que esixir, con máis forza aínda, que calquera tipo de axuda pública ás touradas sexa eliminada de inmediato. Non hai excusas, nin axudas directas, nin indirectas nin en diferido. Nin convenio nin privilexios à hora de publicitar as touradas. Na cidade que leva a gala a mobilidade a pé, por que temos que andar a esquivar grandes paneis metálicos con publicidade taurina cando ningún outro negocio o fai? As declaracións simbólicas e os apoios de palabra están moi ben, mais como dicía José Martí, a mellor forma de dicir é facer.

 

Estas medidas son necesarias para seguir a crear conciencia. Coa crueldade do negocio taurino non se pode convivir, só se pode rexeitar, igual que rexeitamos sen dubidar outras formas de violencia e crueldade sen sentido cometidas polo ser humano. Mais tamén sabemos que estas medidas son un paso previo que podemos e debemos dar antes de chegarmos ao final do camiño, un final que se atopa no Parlamento galego e que non é nin máis nin menos que a ABOLICIÓN das touradas en Galiza. Todas e todos nós debemos presionar aos partidos políticos que ali teñen representación para que se posicionen con rotundidade en favor da abolición da tauromaquia e para que actuen en consecuencia modificando a fraudulenta Lei de Benestar Animal actual, que segue a facer das touradas unha excepción á hora de combater o maltrato animal.

 

Xa é ben hora de que as institucións e os partidos que din representarnos asuman a realidade. A realidade é que as touradas non teñen apoio nin interesan á grande maioría do noso pobo. Ao contrario, a maioría de galegas e galegos rexeitámolas, polo que a lei ten que adaptarse a esta realidade. As touradas non se poden manter artificialmente en base ao diñeiro público, nin por unha decisión política e ideolóxica, nin tampouco pola presión do lobby dos empresarios taurinos. E se o Partido Popular, responsábel de que as touradas sigan sendo legais, teima en defender a barbarie, terá que ser desaloxado da Xunta para que se cumpra a vontade maioritaria.

 

A tortura non é arte nin cultura!

Tauromaquia abolición!

Touradas fóra de Pontevedra!

Pontevedra, 13 de agosto de 2022

 

♦ Ver máis: convocatorias de anos anteriores, así como a denuncia das Touradas e a concentración na Praza de Touros no marco da Ecomarccha 2022  en https://www.apdr.info/wp/2022/08/06/13-de-agosto-touradas-nunca-mais/:

13 de agosto: “Touradas nunca máis”

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print