Novo revés xudicial aos intereses da Xunta-ENCE


O Tribunal Constitucional (TC) vén de dar un duro golpe ao Partido Popular na súa pretensión de perpetuar a concesión de ENCE en Lourizán, unha decisión que reforza a nosa argumentación de que ENCE xa é pasado na Ría de Pontevedra. Con efecto, ao rexeitar o recurso presentado pola Xunta de Galicia -cando aínda era presidente Núñez Feijóo- que pretendía a eliminación daqueles artigos da Lei de Transición Ecolóxica que recollen que as concesións en dominio público marítimo-terrestre están limitadas a un máximo de 75 anos (considerando neste prazo as posíbeis prórrogas), o TC está tirando por terra unha das vías utilizadas polo tándem PP-ENCE para dar continuidade ao seu negocio na Ría.

Desde o mesmo momento no que se redactou a amentada Lei, na APDR defendemos que a alusión a ese tempo máximo de permanencia das concesións en DPMT era absolutamente incontestábel pola necesidade de manter a congruencia coa lexislación xa existente, de forma particular co establecido na Lei 33/2003 do “Patrimonio de las Administraciones Públicas”, que recolle de forma clara e precisa este particular. Neste sentido, entendiamos que o recurso da Xunta estaba abocado ao máis absoluto dos fracasos, como finalmente ten acontecido.

Con seguridade, detrás deste intento da Xunta e a empresa por perpetuar os seus privilexios na Ría, virán novos intentos, novas vías que, como a pretendida adscrición de ENCE á Autoridade Portuaria de Marín, terán o mesmo resultado final que o que hoxe comentamos. Con todo, temos que manter a atención a calquera subterfuxio do Partido Popular para pasar por riba das decisións xudiciais porque, sabémolo moi ben, na defensa dos seus intereses particulares non teñen límites.

ENCE vai continuar coa súa política de promesas ambientais, sociais e económicas (promesas sempre incumpridas) e coa chantaxe e a compra de vontades, e a Xunta do PP actuará, de forma submisa, na defensa daquelas mentiras e chantaxes dando respaldo público a proxectos que -é o caso da construción dunha fábrica de papel tisú nas Pontes- son simples quimeras que teñen por único obxectivo chantaxear á cidadanía e as administracións para conseguir a permanencia ilegal na nosa Ría.

Non é nada novo; por iso, fronte ás posicións de ENCE e Xunta de defensa férrea dos seus privilexios, na APDR manterémonos firmes na defensa do lexítimo dereito da cidadanía a recuperar o dominio público, na defensa do dereito a recuperarmos o futuro roubado coa chegada da celulosa a Lourizán, un futuro que xa se albisca e que vai permitir a explotación racional das potencialidades da Ría e dos montes galegos, o aumento da calidade de vida e a economía da nosa comarca, e a re-naturalización da zona roubada hai 60 anos…. porque é de xustiza!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print