A APDR solicita á Deputación defender un uso público do Pazo de Lourizán


fora.mans.de.ence.Pazo.de.Lourizan2Como resposta á solicitude cursada pola nosa Asociación á Presidenta da Deputación provincial de Pontevedra, Dna. Carmela Silva, para intercambiar opinións sobre o futuro do Pazo de Montero Ríos e a finca de Lourizán na que se atopa o amentado Pazo, esta mañá membros da APDR mantivemos unha xuntanza co deputado D. Carlos López Font, persoa na que delegou a Presidenta para este primeiro contacto oficial coa APDR.

No decurso da reunión, que en todo momento resultou cordial, a APDR expresou ao deputado provincial os seus temores polo futuro do Pazo de Lourizán a raíz do interese amosado pola empresa ENCE de facerse coas súas instalacións para instalar alí o seu centro de I+D forestal a cambio de asumir o custe da súa rehabilitación. Tal e como fixo saber ENCE, trataríase dun centro de I+D privado e dirixido exclusivamente pola citada empresa, o que supoñería -na práctica- a privatización dun ben do patrimonio público, dun ben que nos pertence a toda a cidadanía e que desde a APDR non estamos dispostas a perder.

E expresamos tamén a nosa preocupación pola falta -ao noso entender- dunha posición clara e contundente ao respecto deste tema nas recentes declaracións da Presidenta e do Vicepresidente D. César Mosquera; neste sentido, o deputado provincial expresou, por boca da Presidenta e de forma rotunda, que a Deputación só falará deste tema coa Xunta de Galicia e que -se poñan como se poñan- ENCE non ten nada que dicir ao respecto. Amosou o deputado provincial unha posición clara sobre o convenio asinado no seu día co goberno galego, que remata no ano 2021, e que calquera renovación do citado convenio -no caso de que se xestione co actual equipo de goberno provincial- será exclusivamente coa Xunta, pechando así -ao noso entender- calquera posibilidade de que ENCE se faga coas citadas instalacións.

Solicitámoslle á Deputación que se nos faga chegar copia do actual convenio e que -de selo caso- na renovación se poñan as cláusulas oportunas para  que a titularidade da Finca e Pazo de Lourizán sega a ser pública sen interferencias de ningunha caste por parte de ENCE ou calquera outra empresa.

Pontevedra, 1 de febreiro de 2017

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print