A APDR diríxese ao Presidente do Consello Consultivo de Galicia


Fronte á decisión do Goberno galego de solicitar ao Consello Consultivo de Galicia que emita un Informe sobre a viabilidade de que os terreos gañados ao mar que hoxe ocupa ENCE, pasen a formar parte do solo pertencente á Autoridade Portuaria, a APDR vén de poñerse en contacto co Presidente da amentada Institución para trasladarlle o desacougo que produce ver como o Goberno que preside o Sr. Feijóo pretende utilizar o Consello Consultivo para favorecer intereses puramente privados esquecendo o interese xeral do conxunto da cidadanía.

E fundamentamos o noso escrito en criterios que entendemos obvios:

En primeiro lugar, porque entendemos que os terreos da Autoridade Portuaria, como o propio Porto de Marín e Ría de Pontevedra, dependen de Portos do Estado; neste sentido, non parece que a Xunta teña competencias para ampliar a zona de servizos do Porto co fin de integrar á fábrica de ENCE nesa zona, nin semella lóxico solicitar un informe xurídico, neste sentido, ao Consello Consultivo. Pero, tamén, porque resulta lamentábel que o Presidente Feijóo, que mantén a estratexia de defender a toda costa os intereses empresariais de ENCE, pretenda involucrar neste noxento proceder, a unha Institución como o Consello Consultivo que, polo que representa, merece un trato máis respectuoso.

E insistimos tamén na nosa solicitude no feito de que a busca por parte do Presidente da Xunta -e outros membros destacados do Goberno autonómico- de “solucións xurídicas” para conseguir a permanencia de ENCE en dominio público, supón un intento inaceptábel de buscar, a toda costa, carreiros cos que burlar as sentenzas da A.N., no probable caso de que estas se confirmen.

Citamos, en apoio á nosa posición, un longo parágrafo do recollido na Sentencia 233/2015 do Pleno do Tribunal Constitucional do 5 de novembro de 2015, sobre a utilización de mañas para evitar a execución de sentenzas, un texto que resulta sumamente ilustrativo e que aquí, por lóxica, presentamos reducido ás conclusións finais:

…. no tiene cabida en nuestra Constitución aquella ley o el concreto régimen jurídico en ella establecido cuyo efecto sea el de sacrificar, de forma desproporcionada, el pronunciamiento contenido en el fallo de una resolución judicial firme. Si se quiere, dicho en otros términos, cuando de forma patente o manifiesta no exista la debida proporción entre el interés encarnado en la Ley y el concreto interés tutelado por el fallo a ejecutar».

En suma, de lo hasta aquí razonado se desprende que esta disposición vulnera la potestad de Jueces y Tribunales para hacer ejecutar lo juzgado (arts. 117.3 y 118 CE) al desplazar esta decisión a la Administración y, con ello, vulnera también el derecho a la ejecución de las resoluciones judiciales firmes (art. 24.1 CE), al obstaculizar de forma indebida y desproporcionada el cumplimiento del fallo judicial.

Deixamos claro en todo momento que na APDR non temos dúbidas de que, diante da petición do informe xurídico por parte da Xunta, o Presidente do Consello Consultivo actuará segundo mellor proceda en dereito, e que, neste sentido, saberá comprender a nosa preocupación diante dos intentos do Goberno galego por favorecer a ENCE mesmo a costa de burlar sentenzas.

Reiterámonos na APDR na necesidade de que, unha vez se fagan firmes as sentencias que anulan a ilegal prórroga de 60 anos concedida a ENCE polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy no ano 2016, se proceda ao desmantelamento das instalacións da empresa e a recuperar o espazo público roubado en Lourizán para o uso e desfrute da cidadanía.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print