A APDR alega contra o proxecto do parque eólico do Castrove


A Asociación Pola Defensa da Ría, vén de remitir á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, un informe de alegacións ao Documento de Inicio do proxecto do Parque Eólico Castrove no que deixa claros os danos ambientais, económicos e sociais que carrexaría a construción dese parque eólico.

O primeiro documento a exposición pública na tramitación deste proxecto contén un enganoso argumentario co que pretende facer pasar por certas dúas falsidades. A primeira delas é a suposta necesidade da construción dun parque eólico no Monte Castrove; esta necesidade proviría segundo os promotores da realmente necesaria transición enerxética á que obrigan os obxectivos comunitarios e o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030. Ninguén dubida da necesidade de reducir a emisión de gases de invernadoiro e dos beneficios ambientais das enerxías renovables, pero sempre permitindo harmonizar o desenvolvemento destas enerxías coa consecución doutros obxectivos fundamentais para manter o necesario equilibrio entre a nosa sociedade e os sistemas naturais; trátase dos obxectivos de conservación da biodiversidade, os hábitats, os solos, os recursos hídricos ou os recursos naturais. E existen alternativas en forma de modos de produción non impactantes e en aforro no consumo de enerxía eléctrica que fan absolutamente innecesaria a construción de estruturas cun forte impacto como é o parque proxectado. Falla no documento unha xustificación da necesidade de enerxía que se pretende producir para non caer no disparate de construír estruturas cun forte impacto ambiental e social para xerar unha enerxía que non se necesita, o que obrigaría á súa exportación con grandes perdas. Convén ter en conta que Galicia é pioneira en España no desenvolvemento de enerxía eólica e que na actualidade o sector eólico galego conta con 3.814 MW. de potencia instalada, é dicir que Galicia ten sufrido xa importantes impactos ambientais e asumir máis degradación podería poñer en perigo o seu propio futuro social e económico.

A segunda grande falsidade, consiste no intento por minorar artificiosamente os impactos que o parque provocaría de forma absolutamente enganosa. A pesar de que no Documento de Inicio recoñécese a afección a cinco hábitat prioritarios e de interese comunitario, á fauna local e rexional, aos solos xa de por si degradados polos incendios forestais e polo tanto necesitados de protección, aos recursos hídricos xa que afectará a sistemas moi febles de circulación subterránea e por suposto á paisaxe, cando toca cualificar esa degradación, considéraa compatible coa construción do parque! Este é o grande engano! A realidade é que a construción deste parque con aeroxeneradores de máis de 200 m de altura cambiaría a fisionomía da Ría de Pontevedra e afectaría negativamente ás actividades relacionadas co turismo ao converter paisaxes naturais en paisaxes industriais. Os danos ambientais e á economía da zona serían, sen dúbida, moi severos.

Por estas razóns, a APDR vén de solicitar a interrupción da tramitación e a retirada do proxecto que provocaría un dano totalmente innecesario.

Ao tempo, chama a participar na Andaina Reivindicativa ao Alto do Castrove que partirá o domingo 29 de agosto ás 11,00 horas da mañá da Capela de San Ramón.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print