A mediados do pasado mes de abril, desde a APDR denunciabamos un escandaloso vertido de fecais ao río Lérez á altura do mercado municipal, un vertido que non era novo, que viña repetíndose desde algún tempo atrás sen que se tivesen tomado medidas para a súa eliminación.
Sabemos que, a raíz da nosa denuncia no Concello, a empresa Viaqua estivo realizando algúns traballos na rede de saneamento nesa zona para tratar de coñecer cal é a orixe do vertido e quen os seus responsábeis. Supuxemos daquela que o problema tería sido localizado e solventado de forma definitiva, pero a realIdade é outra ben distinta.
Estes días, coa marea baixa, puidemos observar como o vertido anteriormente denunciado, seguía sendo moi patente e non deixaba lugar a dúbidas sobre a súa natureza. Aportamos como testemuña da situación, un video recollido o martes sobre as 11 horas no lugar dos feitos, que deixa ver que se trata, sen dúbida, dun vertido de orixe fecal.
Denunciamos novamente no Concello de Pontevedra coa esperanza de que desta volta asuman a súa tarefa de control dos vertidos, abran unha investigación sobre esta situación e solucionen, de forma definitiva, o problema dos vertidos; que busquen cal é a procedencia do vertido, cal a razón deste continuo vertido ao Lérez, e quen son os responsábeis do mesmo, tomando solucións definitivas ao tema e sancionando aos seus responsábeis.
E debemos indicar, xa por último, que a nosa paciencia está chegando ao límite no que respecta á denuncia destes vertidos, e que -de non se solucionar de raíz o problema nesta ocasión- non descartamos emprender outro tipo de actuacións de denuncia pública.