O PSOE cede ás esixencias de ENCE e admite a modificación da Lei de cambio climático no Senado


Vén de aprobarse por maioría (coa abstención do PP e o voto en contra de Vox) no pleno do Senado o proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, unha Lei que -como é sabido- tivo unha notábel transcendencia pública pola suposta incidencia do seu artigo 18.4 no futuro de ENCE e do chamado complexo mar-industria.

Foron moitas as ocasións nas que desde a APDR denunciamos a utilización interesada deste tema por parte de ENCE, a Xunta de Galicia e algunhas forzas políticas, e o ruído creado arredor dunha norma que xa está contemplada na lexislación vixente. E foron moitas tamén as veces que desde o Ministerio se negou a posibilidade de modificar o artigo e que se asegurou que -ao contrario do que afirmaba a oposición- non supuña retroactividade á hora da súa aplicación.

Até onte mesmo, o Goberno e o PSOE, coa Ministra Ribera á cabeza, deron a batalla -mesmo de forma encarnizada, ás veces- por defender a Lei na súa formulación orixinal, sen admitir ningunha das emendas ao artigo 18, por consideralas innecesarias. De feito, o proxecto de Lei -a pesar das numerosas emendas presentadas pola oposición- foi aprobado sen modificacións na Comisión de Transición Ecolóxica do Congreso.

Porén, sorprendentemente, no pleno do Senado (onde o PSOE ten unha maioría máis ampla que no Congreso), o texto do proxecto foi aprobado con dúas modificacións de calado que afectan ao artigo 18.4 e aos prazos de permanencia das concesións en dominio público marítimo-terrestre, o que supón aceptar as esixencias de ENCE e a Xunta que tiñan rexeitado sistematicamente.

Aceptan a formulación esixida para o artigo 18.4, mudando “siendo nulos de pleno derecho los actos administrativos dictados en incumplimiento de lo previsto en este artículo” para poñelo en futuro, “que se dicten”, para quitarlle os medos á oposición (uns medos que non tiñan razón de ser!) e aceptan tamén que os 75 anos de prazo máximo para as concesións, empecen a contar desde o momento no que se inicia o funcionamento da actividade e non -como fixa a lexislación de Costas e mantiña este proxecto- desde a data da concesión, unha decisión que vai contra a lóxica. Isto supón, no caso de ENCE, que ese prazo non se acade no ano 2033, senón no 2037. O pleno do Congreso (así o entendemos) ten nas súas mans a decisión da súa aprobación definitiva!

E aínda que non nos sorprenden estes comportamentos do PSOE, aos que hai tempo estamos afeitos, preguntámonos que razón puido levalos neste caso a modificar os criterios defendidos con tanta vehemencia poucos días antes. Que contrapartida se agocha detrás desta concesión a Ciudadanos, o partido que presentou a emenda ao artigo 18? Poida que en breve teñamos a resposta… Tempo ao tempo!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print