Mercurio en ENCE: a “APDR” considera inadmisíbeis as explicacións da Xunta


O Informe enviado por ENCE á Xunta de Galicia, que deu a coñecer o xornal eldiario.es, confirma a enorme contaminación de mercurio nos solos e augas subterráneas do complexo industrial de Lourizán pero, tamén, a posíbel incidencia desta contaminación nos traballadores de ENCE, na veciñanza, e nas augas da Ría, onde estaría chegando o mercurio transportado polas augas da choiva que se filtran ao través do terreo.

Pero non debemos perder de vista que o único obxectivo de ENCE ao enviar este Informe á Xunta, é o de intentar eludir as súas responsabilidades nesta contaminación e, ao tempo, ás obrigas de executar as medidas necesarias para evitar os danos provocados e afrontar os gastos derivados da súa reparación, unhas responsabilidades e obrigas que ENCE pretende achacar, en exclusiva, a ELNOSA. De non ser por esta razón, ENCE seguiría gardando silencio, incumprindo a lexislación, e poñendo en perigo a saúde das persoas e o medio ambiente. E contan para conseguir o seu propósito coa inestimábel axuda da Xunta de Galicia que, coñecedora da situación, mantivo o máis absoluto silencio, roto tan só unha vez coñecido o amentado Informe e para afirmar -sen aportar proba ningunha- que nin existen filtracións de mercurio á Ría, nin hai perigo para o medio ambiente e as persoas porque “os niveis de mercurio no recinto fabril e na Ría, están totalmente controlados”.

A responsabilidade de ENCE na contaminación do solo por mercurio é evidente; abonda lembrar que a instalación de ELNOSA en Lourizán respondeu, única e exclusivamente, ás necesidades de ENCE e que até o ano 2004, que se produce a privatización de ELNOSA, as dúas empresas formaban un todo. Neste sentido, debemos indicar que o mercurio no solo do complexo -e as filtracións cara á Ría- vénse depositando desde a chegada da electroquímica e que alcanza niveis moi preocupantes; non é algo novo que xorde durante as operacións de desmantelamento das instalacións da fábrica de cloro. Tanto nas balsas de decantación de ENCE como na chamada “canle perimetral”, no que ELNOSA verteu con anterioridade a facelo nas balsas, hai concentracións moi elevadas deste metal pesado; os datos recollidos no Informe elaborado por Cotecno (Acer-Wallace Evans) no 1984 para os niveis de mercurio na amentada “canle de ENCE”, son alarmantes, atopándose mostras de até 12.200 mg/Q, moi por riba dos 15 mg/Q establecidos pola maioría dos Organismos internacionais ou dos 24 mg/Q que o Estado español fixa como límite a partir do que se considera “contaminación moi elevada” que require o “illamento duro” en recintos especiais ou a inertización.

E a Xunta é responsábel por inacción porque, coñecendo a situación, non tomou as necesarias medidas para corrixila. Con efecto, esta situación témola denunciado en multitude de ocasións, tanto nas alegacións presentadas contra as Autorizacións Ambientais Integradas de ENCE e ELNOSA como nas presentadas ao plan de desmantelamento de ELNOSA, un plan que consideramos daquela (e seguimos considerando agora) absolutamente desaconsellábel pola incidencia que pode ter sobre o medio e sobre a saúde das persoas que acometan eses traballos. E debemos denunciar que, en todas as ocasións, a Xunta de Galicia rexeitou as nosas alegacións afirmando -como vén de facer en resposta ao Informe que nos ocupa- que os datos de mercurio están dentro dos límites legais e que non hai ningún perigo nin para as persoas nin para o medio ambiente, sen aportar ningún dato que xustifique estas afirmacións.

Desde a APDR esiximos á Xunta de Galicia que abandone, dunha vez por todas, a política de submisión aos intereses da empresa ENCE e tome as medidas oportunas para impedir a chegada do mercurio á Ría como consecuencia do arrastre nas augas que se filtran a través dos solos de ENCE e ELNOSA. Ao tempo, cremos que esta situación que agora se fai pública, debera ser unha razón máis para que as administracións con competencia no tema adopten, sen máis dilación, a única decisión que pode evitar que se sigan producindo danos ás persoas, ao medio ambiente e aos recursos naturais da nosa comarca, o fin inmediato da concesión de ENCE en Lourizán!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print