A APDR esixe que se elimine o impacto do emisario nas augas da Ría e na contorna da Illa de Tambo


O pasado xoves día 12, e mediante videoconferencia, tivo lugar un novo encontro da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo. Nela, o Concello de Poio compartiu as novas xestións levadas adiante para acadar a titularidade da Illa de Tambo, tan ansiada polos veciños e veciñas da comarca, especialmente de Poio.

Asumir a titularidade da Illa supón unha responsabilidade en canto acadar unha correcta protección e conservación dado o estado actual de abandono. Por esta razón, unha das liñas de actuación acordada nun anterior encontro, foi a de avaliar a contaminación que sofre a Illa polo emisario que transporta até as inmediacións da illa os vertidos procedentes da EDAR de Os Praceres e da empresa ENCE, un impacto que a propia Xunta recoñeceu ao deseñar o novo plan de saneamento da Ría.

Con efecto, tense demostrado a forte afectación na zona (augas de baño e cultivos mariños) e sobre o borde litoral da illa de Tambo, o que levou ao goberno galego a propoñer un novo emisario que muda o punto de vertido final para alonxar os vertidos.

Porén, a Xunta limita o uso deste novo emisario aos vertidos da EDAR, mantendo en uso o vello e ineficaz emisario para os de ENCE, unha decisión que na APDR consideramos absolutamente desafortunada. Manter nesa zona as elevadas concentracións de materia orgánica e coliformes vertidas pola empresa, supón continuar danando os hábitats mariños e, entre eles, os humedais costeiros e as colonias de algas alí existentes, ecosistemas todos eles moi vulnerábeis.

Neste sentido, na APDR preguntámonos, que razón pode levar á Xunta a permitir o uso do vello emisario a ENCE? Ao noso entender, e mentres non se produza o desexábel peche da súa actividade en Lourizán, os seus efluentes teñen que saír á Ría polo novo emisario, e así o reclamaremos á Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Se a propia Administración atenta contra o medio, permitindo que ENCE continúe degradándoo, carece de sentido que a flota artesanal na Ría de Pontevedra teña que soportar cupos máis reducidos e vedas temporais cada vez máis longas porque Bruxelas esixe a conservación das especies pesqueiras e do ecosistema mariño. A Xunta de Galicia ten a obriga de garantir esta conservación, e a cidadanía o deber de esixírllelo!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print