Feijóo segue a representar os intereses de ENCE no parlamento galego


A referencia á empresa ENCE que o Presidente Feijóo fixo no seu discurso durante o debate de investidura no Parlamento galego, non pode deixar indiferente a ninguén; con efecto, e aínda que estamos afeitos a escoitar barbaridades por parte do PP -e do propio Feijóo- na súa impresentábel defensa desta empresa, condenada por delito ecolóxico, que segue incumprindo a lexislación en materia de vertidos á Ría e coas emisións á atmosfera, e que ocupa de forma ilegal -e grazas á submisión da Xunta de Galicia aos seus intereses particulares- un espazo na Ría de Pontevedra, nesta ocasión as declaracións rozan o absoluto ridículo.

Fala o Sr. Feijóo de que ENCE “da traballo a 5.000 familias directamente e a 80.000 que viven da madeira”, sen aportar ningunha referencia que poida xustificar esas esaxeradas cifras. Debemos lembrar que nin sequera ENCE chega a falar de cifras tan elevadas, por máis que se poida asegurar que as aportadas pola empresa son tamén irreais e esaxeradas. Aprovéitanse nos dous casos da dificultade de deducir datos reais sobre o traballo indirecto e inducido que se poida xerar como consecuencia da actividade de ENCE en Lourizán. Neste sentido, hai que dicir que o único dato real de emprego en ENCE é o do traballo directo na empresa, que non chega ás 400 persoas. E o certo é que, lonxe de seren o motor económico de Pontevedra, ENCE é o freo a un desenvolvemento racional da economía comarcal e galega, porque destrúe no marisqueo, no turismo e na explotación dos nosos montes, moitos máis postos de traballo dos que xera a súa actividade industrial.

Pero, máis alá deste aspecto, resulta inadmisíbel que o Presidente da Xunta ignore a realidade que rodea á empresa ENCE, que -independentemente do seu nivel de contaminación e emprego- pasa hoxe pola ilegalidade de permanecer no seu emprazamento actual; porque iso é o que está hoxe en cuestión. O Sr. Feijóo, lonxe de defender a legalidade e os dereitos de quen temos que sufrir a presenza da fábrica no noso día a día, na nosa economía, na nosa saúde e, en definitiva, na nosa calidade de vida, alimenta a mentira e a falsidade falando de que o goberno do Estado pretende instaurar unha “nova doutrina” no referente ás concesións en terreos de dominio público marítimo-terrestre (en adiante DP) que provoca incertezas e pon en perigo a permanencia de ENCE e a industria instalada no litoral.

Con seguridade sabe que na actual lexislación (mesmo na nova “Lei de Costas” elaborada polo PP no ano 2013) contémplanse dous argumentos legais, un de carácter temporal (o tempo máximo que unha instalación pode permanecer en DP), e un segundo, de carácter material, o dereito ou non dunha determinada instalación a permanecer en dominio público, e debera saber tamén que nesa suposta “nova doutrina”, deféndense en ambos os dous casos criterios xa existentes na lexislación vixente. Establécese que “o prazo máximo en DP, incluídas as prórrogas, non superará os 75 anos” (exactamente a mesma “doutrina” fixada na Lei 33/2003 de “Patrimonio de las Administraciones Públicas”, en vigor e de aplicación no caso que nos ocupa), e que o DP está reservado para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outro emprazamento, a mesma “doutrina” que fixa o artigo 32 da Lei 22/1988 de Costas, que non foi modificado polo PP cando a reformaron no 2013. Evidentemente, coa Lei na man, ENCE non pode beneficiarse de ningunha prórroga.

ENCE non pode continuar na Ría por máis tempo, unha decisión en mans da Audiencia Nacional e que agardamos sexa resolvida favorabelmente ás posicións de quen defendemos a ilegalidade da prórroga; en calquera caso, seguiremos traballando para que o que hoxe é un desexo dunha inmensa maior parte das persoas que viven na comarca pontevedresa, sexa pronto unha realidade e permita o saneamento da Ría e a súa recuperación para a explotación racional dos seus recursos marisqueiros e turísticos, e a explotación diversificada dos nosos montes.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print