Todo pola pasta! Carta aberta á Núñez Feijóo e Rueda Crespo.


Vaia por diante que aínda que a personalizo en Vdes. dous, esta carta pódese facer extensiva á inmensa maior parte das persoas que dirixen o partido que Vdes. representan. Se o fago así, e tan só porque ambos os dous teñen protagonizado nestas datas últimas declaracións ou actuacións que perseguen, coma único fin, a defensa dos intereses da empresa ENCE, coa que a actual Xunta de Galicia mantén unha relación de absoluta submisión, e porque son moitas as ocasións nas que Vdes. teñen representado o papel de portavoces ou recadeiros na defensa dos intereses empresariais.

Levan teimando desde hai xa algún tempo nun tema que pola súa transcendencia -e por non faltar á verdade- merece un tratamento máis serio e documentado. Insisten Vdes., de forma reiterada, na existencia dunha “nova doutrina” no goberno do Estado no referente ás concesións en terreos de dominio público marítimo-terrestre (en adiante DP), tratando de apañar votos entre os sectores que supostamente vai poñer en perigo este “cambio de doutrina”. Como queira que non podo crer que descoñezan a verdadeira realidade (o que suporía un grado de ignorancia ou mediocridade maior do que en ocasións demostran), este xeito de actuar só pode responder á decisión consciente de utilizar a mentira e a falsidade en beneficio electoral propio.

É ben sabido que, no tocante á permanencia das concesións en DP, interveñen dous argumentos legais, un de carácter temporal (o tempo máximo que unha instalación pode permanecer en DP), e un segundo, de carácter material, o dereito ou non dunha determinada instalación a permanecer en dominio público. Pois ben, nesa suposta “nova doutrina” do goberno central, que Vdes. din se agocha no Proxecto de Lei de Cambio Climático, deféndense en ambos os dous casos criterios xa existentes na lexislación vixente.

No que ao tempo de concesión se refire, o amentado proxecto establece que “o prazo máximo, incluídas as prórrogas, non superará os 75 anos”, exactamente a mesma “doutrina” que establece a Lei 33/2003 de “Patrimonio de las Administraciones Públicas”, en vigor e de aplicación no caso que nos ocupa. E, polo que fai á determinación do dereito ás prórrogas, debemos indicar que é o artigo 32 da Lei 22/1988 de Costas -artigo aínda en vigor e que tal vez se lle esqueceu modificar ao seu partido no 2013 cando decidiron mudar a Lei en beneficio dos intereses de certas empresas- o que fixa, con absoluta claridade, que o DP está reservado para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outro emprazamento. ENCE-Pontevedra, e todas aquelas outras instalacións que estaban en DP antes do 1988, beneficiáronse da inexistencia de norma legal ao respecto e viron prorrogada, ademais, a súa concesión por 30 anos máis, até 2018!

Cando unha empresa ten unha concesión en DP, sabe dos límites temporais de permanencia que comporta, e non é lícito nin moral alimentar -como fan Vdes.- a idea de que propiedade pública e propiedade privada teñen os mesmos dereitos. As empresas responsábeis teñen buscado emprazamento fóra do DP antes de esgotar o tempo de concesión, unha actitude que o gobernó galego debera recoñecer e mesmo primar.

E que dicir da política do medo que están a practicar Vdes. cando falan de centos de empresas que están en perigo pola aplicación da Lei!? Nin son certas estas cifras que Vdes. utilizan de forma interesada, nin é certo tampouco que a norma legal afecte a instalacións que Vdes. Inclúen neses montes e moreas de empresas en perigo de extinción! A realidade é ben distinta; o número de concesións que se poderían ver afectadas pola Lei en Galicia non chegan a 20 e, nalgúns casos, só de forma parcial. E moitas desas das que Vdes. falan (bateas, concesións marisqueiras, cultivos mariños, depuradoras,…) non están afectadas pola norma, e mesmo algunhas delas, réxense pola Lei de Pesca de Galicia que fixa 50 anos de tempo máximo de concesión, porque Vdes. Sr. Feijóo e Sr. Rueda, en coherencia co que predican, rebaixaron ese prazo temporal non hai moito!

A empresa ENCE que tanto defenden Vdes., incumpre a lexislación ambiental, superou -cando menos até 2009- o límite de 20 ppm que fixa o seu título da concesión para DBO e está a cometer un novo delito ecolóxico queimando aceites usados na súa planta de biomasa; ademais, e grazas a Vdes., conseguiu, de forma ilegal (supera o prazo de 75 anos que fixa a Lei e permitiría a permanecería en DP máis alá do fin da concesión) unha prórroga de 60 anos que atenta contra o mais elemental sentido da xustiza e cuxa continuidade está hoxe nas mans dos tribunais porque para Vdes. o único principio que vale é o que se recolle no lema TODO POLA PASTA!

Afortunadamente, Sr. Feijóo e Sr. Rueda, outro mundo sen Vdes. é posíbel!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print