Na mañá de este xoves, día 18 de xuño, membros da Xunta Directiva da “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) mantivemos unha entrevista por videoconferencia coa “Directora General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar”, Ana Oñoro, para tratar asuntos en relación coa situación de ENCE-Pontevedra en dominio público marítimo-terrestre.
Na amentada reunión, que discorreu con absoluta cordialidade, fixemos un repaso da situación desde a última entrevista celebrada en Madrid a finais do ano 2017 e da que xurdiu a decisión de Costas de declarar a caducidade total de ELNOSA e de achantarse fronte aos recursos presentados pola APDR, Greenpeace e Concello de Pontevedra contra a concesión da prórroga de 60 anos a ENCE.
Neste sentido, manifestounos que a filosofía da “Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar” é a de fixar os prazos máximos para as concesións en 75 anos -incluídas as posíbeis prórrogas- tal como se recolle na lexislación de Costas e na Lei 33/2003 de Patrimonio de las Administraciones Públicas, facendo fincapé, ademais, no recollido no artigo 32 da Lei de Costas, que limita ás prórrogas a aquelas instalacións que, pola súa natureza, non poidan teren outro emprazamento. Despréndese das súas palabras que entende que, coa Lei na man, ENCE non debería ter recibido ningunha prórroga.
Á nosa pregunta verbo da situación na que se atopa a tramitación da modificación do Regulamento da Lei de Costas emprendida pola Administración e que perseguía poñer en concordancia o recollido na Lei e no propio regulamento no que fai aos tempos máximos de permanencia dunha instalación en dominio público marítimo-terrestre, comentou que a paralización debeuse, única e exclusivamente, a circunstancias sobrevidas (goberno en funcións, continuas eleccións, pandemia da COVID-19,…) e que se vai retomar tan pronto sexa posíbel.
Fixémoslle saber a nosa preocupación polas continuas declaracións que desde ENCE, a Xunta de Galicia e algúns sectores do mar, insisten en que “a nova doutrina” de Costas poñería en perigo a milleiros de concesións no litoral galego, e a resposta foi ben concreta, asegurando que “en Galicia existen unhas 17 concesións que se poderían ver afectadas, algunhas delas mesmo só parcialmente”, confirmándonos de seguido que as concesións en augas continentais (bateas, bancos marisqueiros,…) non se verían afectadas. Non existen razóns, xa que logo, que xustifiquen tales declaracións!
Comentamos acerca do expediente de caducidade de ENCE que, para a APDR, foi pechado en falso ao se decidir a caducidade parcial cando entendemos existen causas abondo probadas para ter decretado (como no caso de ELNOSA) a caducidade total, e sobre a posibilidade de abrir un novo expediente aportando novos incumprimentos, respondendo que “sempre que se aporten datos que avalen a existencia dun incumprimento do título habilitante, é posíbel abrir un novo expediente e, de probarse tal incumprimento, proceder á decretar a caducidade da concesión”.
Xa por último, indicar que quedamos en estudar a posibilidade de manter unha nova reunión en Madrid cando a situación da crise sanitaria o permita.