A “APDR” mostra o seu desacordo coas conclusións do Seprona sobre a mortaldade de peixes na ría


Diante da nota emitida polo SEPRONA en relación coa aparición de peixes mortos na nosa Ría, recollida polos medios de comunicación onte e na que se achaca esta mortaldade case con total seguridade a “causas naturais”, citando como máis probábel a “baixada da salinidade das augas do Lérez polas intensas chuvias que se teñen producido nesas datas”, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), que alertou o día 1 de maio ao 112 dos intensos cheiros que, procedentes da fábrica de ENCE, estaban a provocar molestias a veciñanza de Lourizán e outras zonas de Pontevedra e, con posterioridade, da aparición de peixes mortos na Ría de Pontevedra, quere puntualizar o seguinte:

1.- Sen desbotar posíbeis causas naturais (mesmo a máis que improbábel baixada da salinidade), entendemos que non se pode desbotar tampouco ningunha outra causa para explicar o fenómeno que nos ocupa. Neste sentido, denunciamos o escaso interese demostrado polo SEPRONA por indagar as posíbeis causas deste desastre ambiental, que se limitou -ao noso entender- a tratar de confirmar un suposto sopesado de antemán e a dar unha mera explicación especulativa do problema. Que razón pode levarlles a non considerar causas como a existencia de vertidos, limpeza de cisternas, sentinazos, e algunhas outras que, sábese, están moitas veces detrás destes atentados ambientais?

E resulta especialmente grave que, tendo puntual coñecemento da existencia nesas datas de problemas nas instalacións de ENCE en Lourizán, problemas que se manifestan de forma patente nas emisións á atmosfera pero que poderían estar asociados tamén aos seus vertidos, obviaran achegarse á empresa para recabar información e mesmo a recollida inmediata de mostras á saída do emisario, limitándose a desbotar -segundo se recolle na información facilitada- a existencia de vertidos “na zona comprendida entre a ponte do ferrocarril e a praia fluvial do Lérez”.

2.- Discrepamos tamén coa versión ofrecida polo SEPRONA no que fai ao relato dos feitos; moi ao contrario do deducido polo amentado Servizo, a morte dos peixes comezou con anterioridade ao 1 de maio, moi probabelmente o día 30 de abril; ademais, e en base ás testemuñas gráficas que puidemos recoller na mañá do propio día 1 de maio, a mortaldade observouse primeiramente entre a zona das Corbaceiras e, cando menos, a ponte da autoestrada, confirmándose a inexistencia, nesa data, de peixes mortos no tramo da praia fluvial e a ponte do ferrocarril. Para nós, e tendo en conta que a Salpa (Sarpa salta L.), a especie mais afectada pola mortaldade, é un peixe de mar que ten o seu hábitat natural na zona de Tambo e máis afora na Ría, cabe supoñer que a mortaldade se teña producido nesa zona, sendo arrastrados logo os exemplares mortos á zona interior da Ría polos fortes ventos do Sur dominantes nesas datas. Esta posibilidade vese confirmada polo feito de que xa na mañá do 1 de maio, aparecesen exemplares de peixes mortos no interior do pequeno peirao existente nas Corbaceiras, coñecido como o “muelle dos Panderetas”, situación que non se podería ter producido de teren sido arrastrados polas correntes desde a zona alta do río como mantén o Servizo de Protección da Natureza. E, se ben é certo que arredor destas datas téñense producido importantes achegas de auga doce do Lérez, non é menos certo que eses picos de caudal no río prodúcense nos días 1 e 2 de maio, con valores medios de 118,94 m3/s e 76,52 m3/s respectivamente, moi superiores aos 39,29 m3/s do dia 30 de abril. Non podemos esquecer tampouco que, a diferencia do que ocorre cos moluscos, os peixes dispoñen dunha elevada mobilidade e de sentidos que lle permiten escapar de situacións de perigo como as baixadas de salinidade e mesmo de intuílas con certa antelación, unha característica especialmente marcada nesta especie, que se despraza en grandes bancos que reaccionan ao unísono fronte a estas situacións. Neste sentido, non debería ter pasado desapercibido para as persoas e corpos que se encargaron da investigación, a escaseza de muxos nas augas do Lérez, unha situación máis que chamativa polo pouco frecuente e que só se pode interpretar como resposta destes peixes a un posíbel problema nas súas augas; que razón podería xustificar que, de seren este problema a caída da salinidade, non o teñan detectado as Salpas, unha especie moito máis sensíbel ás augas doces e, xa que logo, a unha posíbel baixada da salinidade? Así as cousas, resulta máis plausíbel, ao noso entender, que esteamos diante dun fenómeno non natural e, con seguridade, cunha orixe na zona baixa do ecosistema río-ría.

3.- Descoñecemos ata o de agora se, aparte do reflectido no comunicado de prensa, o SEPRONA ou algún outro organismo oficial teñen considerado algún outro factor que poida aportar luz sobre a posíbel causa da mortaldade; neste sentido, desde a APDR preguntámonos, tense comprobado a existencia de mortaldade nos bancos marisqueiros da Ría? É algo dabondo coñecido que cando se dan fenómenos de baixadas bruscas da salinidade na Ría pola chegada de grandes volúmes de auga doce procedente ben dos ríos que a conforman, ben de episodios de chuvias torrenciais, as primeiras afectacións prodúcense nos bancos marisqueiros, que sofren elevadas taxas de mortaldade que, neste caso, non se teñen producido; xa que logo, resulta de todo punto inexplicábel que se manteña a baixada de salinidade como única causa posíbel desta mortaldade masiva de Salpas e non se teña acometido unha investigación máis exhaustiva.

4.- De confirmarse que non se teñen recollido mostras na saída do emisario que comparten os vertidos de ENCE e as augas residuais urbanas procedentes da EDAR de Os Praceres, estariamos a falar, ademais, dunha clara neglixencia por parte dos responsábeis das Consellerías de pesca e medio ambiente e de Augas de Galicia. A Administración, por lei, ten a obriga de perseguir situacións que poidan implicar danos ou molestias á cidadanía ou ao medio ambiente, levando a cabo para elo as investigacións que permitan coñecer as verdadeiras causas destes episodios e tomando as medidas previstas para sancionar as prácticas ilegais que, moi probablemente, se teñen producido nesta ocasión; só así será posíbel evitar que no futuro se sigan producindo episodios similares aos acontecidos nestas datas, ou outros de maior gravidade.

5.- Xa por último, instamos ás administracións pertinentes a facer públicos os resultados das análises realizados en augas e peixes mortos no ecosistema río-ría, especificando a localización exacta do lugar onde foi recollida cada unha delas, e a presentar os resultados das investigacións realizadas en relación cos episodios olorosos provocados pola fábrica ENCE e denunciados no seu momento pola veciñanza de Pontevedra e pola propia Asociación Pola Defensa da Ría.

Noticia relacionada:

Mortaldade de peixes na Ría de Pontevedra. Quen é o responsábel?

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print