A APDR resposta a €NC€


integracion-paixasistica-de-ence2

Logo de ver o ton e os argumentos utilizados por ENCE na resposta á rolda de prensa celebrada onte en Pontevedra e na que Ana Miranda (portavoz do BNG en Europa) e APDR dimos a coñecer unha resposta da Comisión Europea de Medio Ambiente que afirma con rotundidade que ENCE ten que cumprir as esixencias recollidas na Directiva 91/271/CE, non dubidamos en afirmar que lle fixo dano aos responsábeis da empresa.

Sen o menor signo de vergoña, falan de manipulación informativa da APDR cando, a renglón seguido atrévense a substituír a frase “LA FÁBRICA DE PASTA DE PAPEL” (utilizada polo Comisario Sr. Vella en referencia directa a ENCE, á que adica todo o seu texto) polo de “UNA FÁBRICA DE PASTA DE PAPEL”, pretendendo así evitar o pronunciamento explícito sobre a fábrica de Lourizán. E non teñen reparo en falsear a realidade para tentar xustificar que ENCE non ten que cumprir a citada Directiva de augas residuais urbanas, definidas nesa norma legal (e na lexislación española, que traspuxo no ano 1995 esta lexislación europea) como “as augas residuais domésticas ou as industriais vertidas ao medio mesturadas con augas residuais domésticas ou de escorrentía pluvial”. Así pois, é evidente que as augas de vertido de ENCE (que saen á Ría mesturadas coas urbanas procedentes da EDAR de Os Praceres) teñen tal consideración a todos os efectos e deben, xa que logo, cumprir a directiva comunitaria.

E, na súa teima por desprestixiar á APDR, atrévense a mentir de novo ao facer certas afirmacións que non se sosteñen en modo ningún e coas que deixan ver a súa catadura moral e o seu escaso perfil democrático.  Porque, nin é certo que teñamos silenciado o problema da contaminación por coliformes na Ría, aspecto que abordamos desde os anos 90 (a queixa na Comisión Europea que deu lugar á condena ao Reino de España polo incumprimento da Directiva 91/271/CE polos vertidos das aglomeracións urbanas e industriais á Ría de Pontevedra foi interposta por nós no ano 1999 e incluía, xunto á contaminación orgánica, a contaminación por coliformes e por metais pesados), nin que teñamos recorrido a Bildu (por certo un partido político que conseguiu pola vía democrática a súa representación no Parlamento Europeo) nin a ningunha outra forza política; tal e como explicou onte na súa comparecencia en Pontevedra, a pregunta respondeu a unha iniciativa propia da portavoz do BNG en Europa.

A realidade é que ENCE incumpre a lexislación de aplicación en materia de vertidos, verte á Ría cantidades moi importante de coliformes, e só permanece en funcionamento en Lourizán porque o PP ten intereses políticos e particulares na empresa que lle levan a non aplicar a lexislación.

Descarga nota de prensa

Ver pregunta parlamentar e resposta da Comisión: https://www.apdr.info/documentos/Pregunta_Parlamentaria.2016.pdf

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print