ENCE e o cambio climático


“Estamos diante dunha crise climática que é consecuencia directa do modelo de produción e consumo impulsado por determinadas prácticas do sistema capitalista actual. Estas prácticas depredadoras dos recursos, os territorios, os ecosistemas e mesmo as persoas, afectan de xeito máis negativo ás poboacións máis pobres e vulnerables por todo o planeta, así como ás culturas que as sustentan; todo iso co obxectivo de manter a acumulación de riqueza e o modelo produtivo baseado no crecemento continuo. Estes comportamentos lonxe de resolver problemas teñen provocado o inicio da sexta extinción masiva de especies, contaminado de plásticos os océanos, arrasado territorios con proxectos de megaminaría, contaminado ríos, desecado lagos, exterminado a biodiversidade e implantado monocultivos entre outros efectos negativos. Mais as prácticas insostíbeis de crecemento continuo teñen, sobre todo, emitido millóns de toneladas de CO2 á atmosfera até provocar o incremento de temperatura global, ao mesmo tempo que se gastaron de xeito absurdo a maioría dos recursos enerxéticos fósiles”.

Con este parágrafo comeza o Manifesto da plataforma “Movemento Galego polo Clima” da que fai parte a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e que, xunto con outras organizacións, está a mobilizar ao longo desta semana á sociedade galega no contexto da mobilización global polo clima. E resulta evidente que neste contexto global, o local adquire unha importancia fundamental; dificilmente poderemos actuar sobre a crise a nivel mundial se non abordamos aqueles problemas que afectan localmente a cada comunidade. Por iso é fundamental a mobilización social nas nosas vilas e contra aquelas actividades que -en cada unha delas- provocan a situación de emerxencia climática que xa estamos a sufrir.

Neste sentido, resulta absolutamente imprescindíbel abordar a responsabilidade que ten a empresa ENCE no que á mudanza climática na nosa comarca se refire, xa que se trata do principal foco de emisións contaminantes á atmosfera e de vertidos contaminantes á Ría.

 

En efecto, ENCE emite gases de efecto invernadoiro no proceso de fabricación de pasta de papel, pero tamén na combustión de aceites usados, unha práctica ilegal recoñecida pola propia empresa e prohibida expresamente na súa Autorización Ambiental Integrada.

 

Evidentemente, os eucaliptos -como calquera outra árbore- fixan CO2 da atmosfera e contribúen así a rebaixar o nivel de quecemento global, pero cando se transforman en pasta de papel en ENCE, este CO2 volve á atmosfera de forma incrementada provocando maior impacto. E isto mesmo ocorre cando se queiman os montes, un risco que se ve incrementado pola existencia dunha política forestal baseada na masiva eucaliptización do territorio galego e que ten como principal obxectivo subministrar madeira de eucalipto á empresa ENCE.

Pero, ademais, ENCE mantén un proceso produtivo contrario aos criterios de eficiencia no uso da auga, un proceso no que consume arredor dos 40.000 m3 de auga/día, auga que devolve á nosa Ría cargada de substancias contaminantes que, xunto coas procedentes doutros vertidos, inciden negativamente sobre a calidade das augas e a biodiversidade.

Desde a APDR esiximos o fin da actividade de ENCE na Ría, unha das medidas que se propoñen no manifesto polo clima e que cada volta é máis urxente.

 

Ver tamén, as convocatorias da mobilización global polo clima do 27 de setembro en Pontevedra:

https://www.apdr.info/wp/2019/09/19/27-de-setembro-pontevedra-mobilizase-polo-clima/

https://www.apdr.info/wp/2019/09/27/27-de-setembro-pontevedra-mobilizase-polo-clima-2/

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print