Presentamos recurso contra a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental por non informar sobre os vertidos de ENCE


A “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), vén de presentar RECURSO DE ALZADA contra a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia (en adiante SXAA) pola negativa a facilitar, de forma reiterada desde o ano 2015, os datos de vertido de ENCE á Ría e os resultados das análises derivados das Inspeccións realizadas pola Administración galega nas instalacións da citada empresa.

            Desde a APDR, que veu recibindo a información solicitada á SXAA ata o ano 2015, e que seguindo indicacións da propia SXAA solicitou en xuño dese ano que se facilitará esa información de forma periódica cada 6 meses, unha situación que -a pesar das constantes promesas por parte da Administración- non se chegou a dar nunca.

            E este comportamento reiterado da Administración, entra en colisión co dereito de acceso á información en materia de medio ambiente, un dereito que vén amparado pola lexislación, e de forma máis concreta pola lei 27/2006 do 18 de xullo do dereito de acceso á información en materia de medio ambiente, polo que a non remisión da información solicitada implica o incumprimento da mesma.

            A Lei 27/2006 reflicte -por máis que de forma tardía- a obriga de aplicar o Convenio de Aarhus, pero tamén responde á necesidade dun desenrolo xeral do contemplado no artigo 45 da C.E., institucionalizando, entre outros dereitos, o acceso á información e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente. Ademais, para facer efectivos eses dereitos, esixía un cambio nas actitudes das autoridades públicas na procura de máis transparencia, máis comunicación en materia de medio ambiente, para garantir o protagonismo real da cidadanía neste particular.

            Por máis que nos esforcemos por buscar unha explicación a este reiterado silencio das nosas solicitudes por parte da Administración, non somos quen de atopala, pois é imposíbel atopar resposta á actitude irrespectuosa da SXAA cos dereitos contemplados na Lei e no Convenio de Aarhus. E, como queira que nos últimos anos observamos con asombro coma distintos membros do PP e do Goberno da Xunta saen en defensa pública da empresa ENCE, preguntámonos: estará a Administración protexendo a ENCE incumprindo a Lei e impedindo o dereito á información contemplado pola Lei 27/2006?

            Co noso recurso de alzada solicitamos que se proceda de inmediato a facilitar toda aquela información solicitada entre os anos 2015 e 2018, así coma aquela outra que se teña producido con posterioridade e ata a data de presentación deste recurso.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print