- O consumo destes residuos como combustible permite a ENCE un aforro superior ós 3,5 millóns de euros anuais nos últimos cinco
- As emisións producidas pola combustión deste aceite usado provocan danos no tecido respiratorio e pulmonar así como contaminación atmosférica e acuífera.
- Esta práctica é incompatible cos compromisos medioambientais e de seguridade que ENCE declara á comunidade financeira.
A planta de fabricación de celulosa de ENCE en Pontevedra, está utilizando como combustible nos seus procesos de produción unhas 18.000 toneladas anuais de aceite usado sen tratar, segundo estimacións a partir dos datos facilitados por empresas xestoras destes residuos.
O aceite usado está declarado como residuo tóxico e perigoso pola Unión Europea e a normativa española dende 1998. En 2006 prohibíase en España o vertido deste residuo sobre os solos e as augas superficiais e subterráneas, esixindo o seu tratamento superficial antes da súa utilización como combustible.
Porén, en España tense permitido a utilización de aceite usado como combustible sen realizar un tratamento térmico previo. Tal como recoñeceu un estudo técnico encargado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente en 2011, os tratamentos que se teñen esixido e que se teñen realizado do aceite usado, limítanse a procesos de eliminación de augas e sedimentos, sen a eliminación de metais pesados e outros compostos contaminantes que se atopan neste residuo e saen ao medio na súa combustión.
De feito, os criterios de control esixidos para o aceite usado restrinxíanse a aqueles considerados nos combustibles de calidade para uso industrial, quedando fóra compoñentes presentes no residuo e cuxa combustión provoca graves problemas respiratorios e de contaminación. Entre estes, atópanse partículas metálicas xeradas na descomposición de aditivos (bario e zinc) ou polo desgaste das pezas dos motores nos que estiveron previamente (cadmio, arsénico, cromo, níquel, etc.), xofre, compostos clorados (PCB e PCT) ou hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAH).
ENCE vén fornecéndose deste produto contaminante para o seu uso como combustible na planta de celulosa de Pontevedra en varios xestores de residuos industriais en España, Portugal e países de África. O uso deste combustible tenlle xerado a ENCE un aforro superior aos 3,5 millóns de euros anuais nos últimos cinco anos, có consecuente beneficio económico.
ENCE continúa usando este combustible a pesares do cambio na lexislación española
A comezos do ano 2018, o Goberno aprobou a Orde que establecía requisitos para que o aceite usado recuperado e tratado puidera ser comercializado como combustible ás plantas industriais. Nesta Orde especifícase un procedemento de tratamento máis rigoroso e uns valores límite de contaminantes presentes tanto no aceite como nas emisións industriais producidas pola súa combustión, incluíndo as partículas contaminantes da queima de metais pesados.
A pesares deste cambio nas esixencias da utilización do aceite usado como combustible, a Orde inclúe unha moratoria de dous anos, ata 2020, para adaptarse. Esta moratoria ten sido utilizada por ENCE para continuar utilizando el aceite usado sen contar con medidas para tratar os gases xerados na combustión dos residuos, a pesares de coñecer os efectos prexudiciais que pode provocar sobre o medio ambiente e a saúde humana.
Este procedemento choca directamente cos compromisos medio ambientais e de seguridade e saúde das persoas que ENCE establece nas súas Memorias anuais e que declara aos seus accionistas e inversores como empresa cotizada nos mercados.
Pero, ademais, a queima de aceites (usados ou non) na planta de ENCE-Pontevedra, está expresamente prohibida pola Autorización Ambiental Integrada (AAI) revisada no ano 2018, o que supón motivo abondo para a súa anulación.
Emisións de combustión prexudiciais para a saúde humana e a atmosfera
Segundo os informes da Unión Europea, estudos do Ministerio de Medio Ambiente e documentos elaborados por organismos europeos e estadounidenses, a combustión do aceite usado sen tratamento térmico provoca danos na saúde humana e sobre a atmosfera. A queima dos compostos deste combustible xera emisións de partículas contaminantes superiores á combustión da gasolina, gases que actúan sobre o tecido respiratorio e pulmonar e que poden provocar cancros, e cinzas que provocan a mortalidade da fauna mariña.
A xestión do aceite usado en España
En España defínense os aceites usados como aqueles aceites minerais ou sintéticos, industriais ou de lubricación, que teñan deixado de ser aptos para o uso orixinalmente previsto (motores de combustión, caixas de cambio, lubricantes, para turbinas, hidráulicos,…).
Caracterízanse por ter sufrido cambios químicos e físicos na súa composición orixinal pola oxidación e polimerización de certos compoñentes, e poden estar contaminados con po, partículas metálicas, combustíbel, auga, outros compoñentes que poden permanecer debido a unha combustión incompleta, metais procedentes do desgaste natural dos motores e outros produtos pola descomposición do mesmo aceite base.
En España existen cerca de 160 empresas xestoras especializadas na recollida, análise e tratamento deste residuo perigoso. Segundo SIGAUS, cada ano recóllense ao redor de 130 mil toneladas de aceites usados, das que un 71% rexéranse, un 28% trátanse para a súa utilización como combustíbel e unha pequena porcentaxe destínase a reciclado noutras aplicacións diferentes.
Polémica situación de ENCE en Pontevedra
A planta de ENCE en Pontevedra estableceuse en Lourizán en 1958, cunha concesión en dominio público que caducaba en xullo do ano 2018. Antes desta data, no ano 2016, o Goberno de Mariano Rajoy en funcións, concedeu unha prórroga de 60 anos, ata 2073, baixo o compromiso dun forte investimento en medidas medio ambientais e logo de ter modificado previamente a Ley de Costas.
O Concello de Pontevedra, a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e Greenpeace denunciaron diante da xustiza a prórroga da concesión por considerala ilegal, un procedemento que segue aberto na Audiencia Nacional e que deu un importante xiro coa posición do Goberno de Pedro Sánchez que, seguindo o criterio da Avogacía do Estado, decide non defenderse fronte aos recursos e aceptar os argumentos que proban tal ilegalidade. Este novo comportamento fraudulento de ENCE debería ser un argumento máis para inclinar a balanza na dirección da saída de ENCE de Lourizán.
Descarga nota de prensa (pdf)
Descarga Infografia (pdf)
Descarga Dossier denunciando esta situación: ENCE: Paradigma de malas prácticas empresariais! (pdf)