A Asociación Pola Defensa da Ría ven de presentar dúas denuncias contra Ence


A Asociación Pola Defensa da Ría ven de presentar dúas DENUNCIAS contra Ence nos xulgados de Pontevedra, unha no Xulgado de Instrución de Garda e a outra ante Fiscalía, polo intento da empresa contaminante de boicotear o 16 de xuño a multitudinaria MARCHA CONTRA CELULOSAS de milleiro de persoas convocada pola APDR e que contou co apoio de máis de 200 colectivos sociais. Nelas denunciamos que con esa actuación se lesionou de forma grave o dereito de manifestación e entendemos que isto pode ser precisamente un delito contemplado no artigo 514.4 do Código Penal.
 
Cando a mobilización chegou perante as portas do complexo contaminante de ENCE en Lourizán e ía comezar a lectura do manifesto, a empresa emitiou co elevado volume a través de altofalantes orientados aos manifestantes, gravacións coa melodia do himno galego e consignas publicitarias (en prol da defensa da “sustentabilidade” da súa empresa contaminante que de modo vergoñento autodenomina como “biofactoria”), co obxectivo de que o manifesto non se puidese escoitar. Esta actitude antidemocrática e provocadora da empresa atenta contra o dereito da poboación a manifestarse pacificamente.

A denuncia vai dirixida ao conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenero, como a persoa que debe buscar quen é responsábel dos feitos. Achegamos como probas as gravacións de vídeo e audio onde se amosa o comportamento da empresa. Solicitamos á Fiscalía a apertura de dilixencias informativas de cara a poder percorrer a vía penal.

Consideramos que esta agresión e provocación responde á situación desesperada que está pasando ENCE ante a evidencia de que non poden continuar legalmente en Lourizán, porque a licenza caducou o ano pasado e a prórroga outorgada por Mariano Raxoi cando estaba como presidente en funcións do goberno do Estado español deber ser declarada como ilegal. Un dos últimos estertores dunha fábrica que nunca se debeu instalar ao pe da Ría e que ten os días contados.

 

 

 

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print