Milleiros de persoas (máis de 10.000 segundo Europa Press) saíron á rúa onte domingo para expresar, máis unha vez, o sentir maioritario da poboación da comarca pontevedresa contra da presenza de ENCE na Ría. Porque as persoas que se achegaron a Lourizán representan só unha pequena parte da inmensa maioría da poboación da comarca que aspira a recuperar a Ría pechando a factoría e que, polas peculiaridades da mobilización, non poden facelo.
Pechada xa ELNOSA, e turbados os ventos favorábeis que empuxaron a ENCE a conseguir a prórroga e a se incorporar no IBEX, a APDR fixaba como obxectivo fundamental desta nova mobilización a esixencia da anulación definitiva da prórroga de ENCE; porque os recursos interpostos pola APDR, Greenpeace e o Concello de Pontevedra na Audiencia Nacional deron lugar á decisión de Costas e a Avogacía do Estado de non defenderse fronte aos nosos argumentos e admitir que tiñamos razón cando diciamos que a prórroga foi ilegal.
E, como consecuencia desta decisión, a caída en picado do valor das súas accións en bolsa, que pasan dos 6,86 € de finais do 2018 aos 3,74 € da última sesión; e paralelamente, o inicio dunha desenfreada ofensiva de ENCE en Pontevedra sobre a que non é preciso aportar detalles.
Pero o acontecido o domingo no final da marcha mostra o desprezo que senten os directivos e os traballadores de ENCE pola cidadanía de Pontevedra. A megafonía de fábrica non cesou de vomitar as “súas bondades” de maneira repetitiva, tratando de impedir escoitar o noso manifesto. Pero ademais a música de fondo que tiña o discurso publicitario de ENCE foi a do himno de Galicia. A ofensa e o desprezo para os manifestantes foi dobre, se cabe. Por un lado tratando de impedir que os manifestantes puidesen escoitar a voz da APDR e por outro usando, coma se dun trapo se tratase, o himno galego en vano. Unha provocación en toda regra e unha falta de respecto aos cidadáns e aos símbolos do pobo galego que, sen dúbida, volveranse na súa contra. Esta actitude provocadora da empresa, antidemocrática, atenta contra o dereito da poboación a manifestarse pacificamente pero, ao tempo, é unha actitude que raia no pueril e que responde sen dúbida á asunción da evidencia de que ENCE non pode continuar en Lourizán. Un dos últimos estertores dunha fábrica que nunca se debeu instalar ao pe da Ría e que ten os días contados.
Pero esta provocación poida que sexa tamén constitutiva de delito, polo que a APDR estuda tamén a posibilidade de interpoñer unha denuncia pola vía xudicial por estes feitos.
Para a APDR, os traballadores de ENCE equivócanse ao dirixir as súas protestas cara a quen non pode solucionar un problema que ten como único responsábel aos seus directivos; e equivócanse tamén, ao deseñar actos que non fan máis que desprestixialos diante dunha sociedade que, lonxe de ceder fronte ás súas provocacións, vese reforzada nas súas posicións a prol de sacar ENCE de Lourizán para conseguir un futuro mellor no ambiental e no económico coa explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros e turísticos da nosa Ría e dun monte galego no que a diversificación de usos sexa eixo fundamental dun novo modelo de explotación.
Xa por último, queremos agradecer aos milleiros de persoas que responderon ao noso chamado e aos máis de douscentos colectivos sociais que -a pesares das presións e chantaxes de ENCE e os seus traballadores- deron o seu apoio expreso á MARCHA e ao MANIFESTO da APDR. Co seu apoio e mobilización, conseguiremos os obxectivos ansiados pola maioría social da comarca.
- Ver MANIFESTO LIDO NA MARCHA CONTRA CELULOSAS, lectura boicoteada por ENCE, e accede ás galerias de fotos e vídeo en: https://www.apdr.info/wp/2019/06/16/domingo-16-de-xuno-estivemos-de-marcha/
- Ver “Manifesto polo cumprimento da lei e na defensa dos sectores produtivos” cos seus apoios!! (fai click)