Pacto ambiental de ENCE?


pacto-ambiental-ence-xunta-ppDe acordo co recollido nos medios de comunicación, onte constituíuse en Pontevedra a comisión encargada de repartir as esmolas que o chamado “pacto medioambiental” asinado entre ENCE e a Xunta de Galicia reserva para os colectivos sociais da comarca, un plan que nada ten que ver coas cuestións medio ambientais e co que ENCE persigue –única e exclusivamente- mercar vontades e estómagos agradecidos que lle axuden a lavar a súa imaxe e a contrarrestar a oposición á súa permanencia na Ría. Pero é que, ademais, non existe en todo o pactado entre ENCE e Xunta ningún aspecto que poida xustificar a denominación de “medioambiental” a tal pacto; en efecto, todos os aspectos que puideran ter tal consideración, como a “redución do impacto visual” (chamado eufemisticamente “mellora paisaxística”) ou a redución no consumo de auga ou dos cheiros, eran inversións previstas pola empresa con anterioridade á concesión da prórroga e mesmo levan aparellado o aumento de produción e, xa que logo, o aumento da carga contaminante.pacto-ambiental-ence-pp-3-br

E non se poden considerar tampouco como actuacións ambientais de ENCE as partidas destinadas á ampliación da depuradora de Os Praceres ou á construción dun novo emisario submariño (actuacións que –de ser necesarias- terían que ser asumidas pola administración autonómica), actuacións que nada teñen que ver coa mellora ambiental da actividade da empresa pasteira, un aspecto que –como xa dixemos- a Xunta de Galicia obvia neste pacto a pesares de ter constatado ao longo dos anos o seu continuado incumprimento da lexislación en materia de vertidos á Ría.

A realidade é que, lonxe de se tratar dun pacto polo que ENCE se compromete coa administración a cumprir determinadas esixencias encamiñadas á protección do medio ambiente, trátase dun seguro que garante á empresa a súa continuidade en Lourizán sen contraprestacións ambientais. ENCE condiciona as inversións propostas neste mal chamado pacto ambiental á que non se poñan en cuestión, nin pola vía administrativa nin pola xudicial os títulos concesionais nin as licencias, permisos ou autorizacións necesarias para futuras actuacións na fábrica de Lourizán. E a Xunta, sumisamente, admíteo!

Os problemas do saneamento da Ría son numerosos e de distinta índole e gravidade; e compételle ás distintas administracións a súa acometida e solución. Non será posíbel ter unha Ría saneada, cunha calidade das augas acorde coas esixencias legais para o baño e os cultivos mariños, unha Ría na que non haxa mais zonas C, en tanto non se eliminen os vertidos directos á Ría e aos ríos que a conforman; mentres non se acometa de forma definitiva a separación de augas fecais e pluviais e se depuren as augas residuais domésticas e industriais de forma absoluta e eficaz, impedindo de forma tallante a chegada á Ría de contaminación química, orgánica e microbiolóxica. E, neste sentido, a permanencia dos vertidos de ENCE e ELNOSA na Ría, cunhas elevadas cargas de materia orgánica e bacterias coliformes no caso de ENCE e de contaminación química no caso de ELNOSA, impedirá calquera plan de saneamento medianamente serio. Porque, contrariamente ao que entende a Xunta, ENCE e ELNOSA son parte moi importante do problema e non a solución ao mesmo!

Ver nota da APDR.

Ver PontevedraViva.com e Faro de Vigo.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print