Insisten os responsábeis de ENCE nun argumento co que non pretende outra cousa que chantaxear á poboación da comarca para tratar de permanecer en Lourizán. Afirman que se non poden seguir na Ría, non se instalarían en Galicia polo “elevado prezo da madeira e da man de obra”, senón no estranxeiro. E din que “non existe en Galicia ningún emprazamento alternativo que reúna as condicións que necesita unha fábrica coma ENCE-Pontevedra”, unha afirmación que din basear nun informe da empresa IDOM, por certo, a mesma que realizou o proxecto do novo emisario para os vertidos da depuradora de Os Praceres e o correspondente ás obras de reforma da amentada depuradora. E entre as condicións necesarias para esta fábrica citan a “disponibilidade de auga”, que cifran en 0,5 m 3 /s (é dicir, 43.200 m 3 /día), e un medio acuático quen de admitir un caudal de vertido similar, é dicir outros 43.200 m 3 /día. É aínda que, con seguridade, hai zonas en Galicia que poderían dar resposta a estas necesidades (e a outras como as enerxéticas), semella que tanto ENCE coma IDOM esquecen o compromiso adquirido por ENCE de reducir drasticamente tanto o consumo de auga como o volume de vertido ata os 4.000 m 3 /día; abonda con botarlle un ollo á última páxina do chamado “libro verde de ENCE” para ver que isto é así, como o compromiso de reducir outros consumos coma o de enerxía eléctrica.
Así pois, as necesidades para unha nova fábrica, serían moito menores ás consideradas nese informe, e habería moitas zonas na Galiza que poderían reunir eses requisitos e, xa que logo, ser un emprazamento axeitado para un hipotético traslado de ENCE. E a única razón para descartar un posíbel traslado é a negativa a abandonar Lourizán!
En calquera caso, o que está en cuestión, non é se existe ou non outro emprazamento axeitado para a instalación de ENCE na Galiza; o que se está a poñer sobre a mesa é que, por Lei, ENCE non pode continuar por máis tempo en Lourizán. Porque a prórroga concedida polo PP de Mariano Rajoy foi ilegal non só polo número de anos concedidos (ENCE non podería continuar en Lourizán máis alá do 2033, ano no que se cumpriría o máximo de 75 anos permitido pola Lei), senón tamén -e este é o aspecto máis importante da situación actual- porque as prórrogas só se poden outorgar a aquelas instalacións que pola súa natureza (non polas súas necesidades ou conveniencias!) teñan que estar en dominio público marítimo-terrestre. E, mírese por onde se mire, non é o caso!
E aínda que ENCE incumpre parte da lexislación ambiental, tampouco isto está en cuestión neste momento; con independencia de cal fose o nivel de cumprimento ambiental, ENCE tería que ter abandoado Lourizán en xullo de 2018.
ENCE, se quere continuar na Galiza, terá que buscar unha alternativa viábel, e se entende que non é posíbel ningunha, está no seu dereito de marchar onde queiran; iso si, terán que recuperar a zona que hoxe ocupan e deixala como estaba cando chegaron no 1958. O que está claro é que, sexa cal sexa a decisión, a marcha de ENCE vai supoñer un importante beneficio para a comarca e apenas tería incidencia negativa para o monte galego nin para as familias que teñen na venda de eucaliptos un modo adicional de ingresos, que seguirían vendendo nas fábricas de Portucel e Navia e para multitude de usos alternativos á pasta de papel. Ademais, permitiría acometer unha nova política para o monte galego, diversificando os seus usos, o que produciría maiores ingresos e beneficios sociais.