Na voráxine de declaracións de apoio á permanencia de ENCE en Lourizán, declaracións auspiciadas sen ningunha dúbida desde a empresa pasteira, chaman poderosamente a atención as realizadas polas cúpulas das confrarías da Ría. E sorprenden non só polo esperpéntico que resulta ver que ás persoas que deberan velar pola defensa da calidade das augas da Ría e dos produtos que nelas se cultivan -pois ao fin e ao cabo, suponse que é do que viven- defenden a “capa e espada” a unha empresa que ten unha enorme responsabilidade na contaminación desas augas, na situación dos bancos marisqueiros da Ría e mesmo na desaparición de moitas especies, senón tamén polo ton e os argumentos que utilizan na súa defensa.
Con efecto, sen xustificar as súas afirmacións, atrévense a dicir que “ENCE cumpre con todos os parámetros esixíbeis medioambientalmente” e achacan toda a responsabilidade na contaminación da Ría á depuradora de Os Praceres e á falta de depuradora en Poio, o que deixa ver claramente que detrás destas declaracións está a man de ENCE e a da Xunta de Galicia. Como se de directivos da empresa se tratase, afirman que, “lonxe de ter responsabilidade na contaminación da Ría, ENCE contribúe á súa recuperación adquirindo compromisos que se están cumprindo”, unha afirmación que pretenden xustificar lembrando as axudas aos colectivos sociais incluídas no chamado “Plan Social”, que nada teñen que ver con cuestións ambientais; e botan man das cifras aportadas por ENCE para loubar o seu papel no fomento de emprego. Absolutamente noxento!
Pero, con todo, estas afirmacións, que polo seu descaro producen noxo cando veñen da man de quen deberan representar e defender ao sector do marisqueo, quédanse en nada cando se analizan as razóns esgrimidas para tratar de xustificar que a presenza de ENCE non afecta á produción marisqueira da Ría. Argumentan que o marisco extraido o pasado ano medrou respecto de anos anteriores, o mesmo que aconteceu coa facturación, e conclúen que estes datos proban que a presenza de ENCE na Ría non ten ningunha incidencia sobre a produción marisqueira. Sen dúbida é difícil ser máis tendencioso e debera caerlle a cara de vergoña a quen se atreven a facer estas declaracións en nome dos seus 1400 representados!
Porque esta argumentación deixa en evidencia a quen a fai,… sácalle definitivamente a careta e faille perder toda credibilidade! porque calquera que teña dous dedos de fronte ten que ver que ese mesmo argumento serve para xustificar que a depuradora de Os Praceres, ou os vertidos directos á Ría, non contaminan! E non é certo nin unha cousa nin a outra: ENCE, a depuradora de Os Praceres e os vertidos sen depurar están a estragar a Ría coa súa carga de materia orgánica e coliformes; e as xentes do mar, sábeno!
Queda absolutamente claro que o único obxectivo que perseguen coas súas declaracións é lavar a cara de ENCE nun momento que admiten difícil, un xeito de pagar os “favores recibidos”. Quen paga, manda e ENCE non da nada sen contrapartidas! É a factura polo barquiño, pola Pick-Up, e por tantas outras cousas que reciben de ENCE, e resulta penoso e indignante que estas persoas estean representando a un sector que sempre se caracterizou polo seu amor á praia, á profisión, e que defenderon o marisqueo e o futuro de fillas e netas coa dignidade por bandeira!
Con seguridade serán moitas as mariscadoras e as xentes do mar que non concorden con esta posición das Confrarías; que nunca farían estas declaracións porque saben cal é a realidade. Animámoslle a perderen o medo, a falar e a esixir a dimisión de quen non as representa coma se merecen!
Ver tamén noticias relacionadas:
Homenaxe ás mariscadoras que hai 60 anos se opuxeron á chegada de ENCE á Ría de Pontevedra
Presentación da Iniciativa Unitaria contra as esmolas de ENCE