ENCE: cortinas de fume fronte a realidade!


A empresa ENCE, que recoñece estar nunha posición “menos sólida” que hai uns meses pola decisión do Estado de achantarse fronte aos recursos presentados pola nosa asociación, polo Concello de Pontevedra e por Greenpeace diante da Audiencia Nacional, vén de expresar nun comunicado público a súa satisfacción tras coñecer que os citados procedementos seguirán o seu curso “apesares do achantamento da avogacía do Estado”.

E pretenden darlle a esta decisión un alcance que en absoluto ten. Con efecto, a continuidade dos procedementos xudiciais seguidos na Audiencia Nacional non só entra dentro do normal, senón que responde á legalidade. De acordo co recollido no artigo 75-3 da Lei Reguladora da Xurisdición do Contencioso-Administrativo, obriga a continuar o procedemento sempre que exista máis dun demandado; e non debemos esquecer que, no caso que nos ocupa, figuran coma demandados ENCE e o Estado. De feito, de non se continuar co procedemento na Audiencia Nacional, estaríase a vulnerar a lexislación.

Así pois, a lectura triunfalista que fai ENCE dunha noticia que entra dentro da máis absoluta normalidade, non ten máis obxectivo que o de confundir á cidadanía terxiversando a realidade. E non é casual que o faga; sen dúbida, ENCE pretende así minimizar a importancia real da decisión de Costas do Estado e -ao tempo- botar unha cortina de fume sobre outro pau xudicial que saltou hoxe mesmo aos medios de comunicación, unha decisión xudicial do TSXG que da a razón ao Concello e a quen denunciamos as obras ilegais de ENCE no recinto fabril de Lourizán ao fallar que, contrariamente ao defendido por ENCE e a Xunta de Galicia, a empresa non pode realizar estas obras sen contar coa preceptiva licencia municipal do Concello de Pontevedra.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print