Sobre o saneamento da Ría


Saneamento.riaResulta certamente desalentador ver o escaso coñecemento que algúns representantes das forzas políticas locais teñen sobre o problema dos vertidos de ENCE e da súa repercusión no saneamento da Ría, un asunto que, pola súa transcendencia social e pola súa permanente actualidade na nosa comarca, merecería un maior esforzo de formación e preocupación por parte de quen desexan representar á cidadanía no noso Concello.

Con efecto, resulta penoso ver como “a estas alturas do partido” séguense a manter posicións que ninguén cun mínimo de rigor e coñecemento do tema, e con independencia de cal sexa a súa posición ao respecto da continuidade de ENCE en Lourizán, debera atreverse a defender. Tratar de defender que a contaminación da Ría é cousa exclusiva da EDAR de Os Praceres, dos coliformes, e pretender xustificalo ademais en base ás supostas decisións da Unión Europea neste sentido é, como pouco, síntoma dunha ignorancia absoluta sobre o tema. Dicir que a sanción da UE ao Estado Español pola contaminación da Ría veu da man da contaminación por coliformes, só pode ser froito dun fondo descoñecemento da realidade ou do desmedido desexo de eximir a ENCE de calquera responsabilidade no estado das augas da Ría; porque a amentada sanción foi imposta polo incumprimento da Directiva 91/271/CE, que nada ten que ver coa contaminación bacteriolóxica, senón coa producida polos vertidos de materia orgánica (DBO, DQO e Sólidos en Suspensión) e nutrientes, moi particularmente polo Nitróxeno amoniacal e o Fósforo, unha contaminación na que ENCE ten unha importantísima contribución. Abonda con ver os límites fixados na AAI de ENCE para estes parámetros para concordar neste particular, e comparar estes límites cos impostos na lexislación española e europea para ver que os superan amplamente. Pero non se debería descoñecer tampouco que desde hai anos sábese que nas augas de vertido das fábricas de pasta de papel ao sulfato, prodúcense elevadas concentracións de bacterias coliformes, nin que nas análises das augas de vertido recollidas pola Xunta de Galicia nas inspeccións realizadas na fábrica, atópanse valores elevadísimos destas bacterias. E a APDR está aberta a discutir todas estas cuestións, con datos oficiais sobe a mesa, con quen queiran facelo.

Así pois, son gratuítas as afirmacións de que ENCE cumpre a lexislación; porque non é certo! Tanto o PP como Ciudadanos, semellan descoñecer a lexislación ambiental española e europea á que aluden, descoñecen a diferenza entre o que é supón a “renovación” dunha AAI e a súa “revisión” (que é o que vén de realizar a Xunta de Galicia) e falan de memoria cando din que “se rexeitaron todas as alegacións”, porque non é certo; aceptáronse varias alegacións da APDR, entre elas unha que vén esixindo a asociación desde hai tempo, que obriga a ENCE a cumprir os límites de contaminación non só en carga contaminante (Q/día) senón tamén en concentración (mg/L), unha esixencia legal que o goberno galego negábase a esixir e que os vertidos de ENCE nunca cumpriron. ENCE ten que cumprir a Directiva 91/271/CE (así se recolle de forma expresa na autorización de vertido) e non o está a facer en toda a súa extensión. Pero semella mais importante teimar na defensa dos intereses da pasteira e repetir a mentira de que “ENCE cumpre a lexislación medio ambiental española e europea” coa esperanza de que, á forza de repetilo, remate converténdose nunha verdade!

No mal estado das augas da Ría inflúen moitos factores, entre eles a existencia de vertidos directos aos ríos que a conforman (e á propia Ría), a inexistencia dunhas redes de saneamento eficaces, separativas, nas que non teñan cabida as augas da Ría, da choiva ou de mananciais, e o mal funcionamento das depuradoras que –como a de Os Praceres- precisan dun cambio tecnolóxico; pero tamén, os vertidos procedentes da fábrica de ENCE que, a dia de hoxe, son ilegais, e para os que a Xunta de Galicia vai permitir a utilización do actual emisario submarino a pesares de ter recoñecido a súa ineficacia e a importante repercusión ambiental provocada nas bateas do polígono Portonovo A, nas augas de baño nesa zona e sobre o borde litoral da illa de Tambo. De non acometerse estas tarefas de forma integral, non pasará moito tempo ata que se empece a falar dun novo plan de saneamento da Ría! E van…?

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print