Ao Comité de Empresa de ENCE


ENCE fora da ria

De acordo co recollido nos medios de comunicación, os Comités de ENCE, regresaron de Madrid despois de entregar un “dossier” onde explicaban a repercusión económica da empresa na nosa comarca e a imposibilidade do seu traslado. Deixando de lado que falan de 409 postos de traballo directo na fábrica, cando a propia ENCE na “declaración medioambiental” de 2017 afirma ter un total de 309, non consta que foi o que lle respostaron na Moncloa a este particular; en calquera caso, non semella que estean moi en sintonía ambas delegacións porque o PSOE mantén en pé a oferta de mesa de negociación para trasladar a fábrica.

Entendemos a preocupación das persoas que traballan en ENCE porque poden ver en perigo os seus empregos; entendémola aínda que non a poidamos compartir, xa que unha cousa é defender o dereito ao traballo e outra ben distinta defender, como fan eles, os seus postos de traballo concretos, uns postos de traballo que -por ser incompatíbeis cos de moitas outras persoas e co medio ambiente- non son defendíbeis. Pero é que, ademais, actúan como verdadeiros defensores da empresa, dos seus intereses particulares fronte aos dereitos da maioría da poboación; defenden o interese de ENCE por quedar en Lourizán mesmo a costa de poder perder o seu emprego; porque a dirección de ENCE non vai ter en conta esa pelexa cando decida, no momento en que o queira facer, reducir o número de postos de traballo como ten feito en moitas ocasións (así o recoñece CC.OO. en distintas denuncias).

En calquera caso, están no seu dereito de facer o que queiran; iso si, non todo vale! Non se pode dicir que ENCE non contamina e que quen contamina é a depuradora, afirmando -cando é falso- que así o recoñece o Tribunal da Unión Europea cando sanciona ao Estado español pola contaminación da Ría. Porque non é certo! A Unión Europea non sanciona pola contaminación por coliformes, como din; sanciona polo incumprimento da Directiva 91/271/CEE, que nada ten que ver coa contaminación microbiolóxica, senón coa contaminación por materia orgánica (DBO, DQO, SS,..) e -fundamentalmente- polo perigo de eutrofización dunha zona sensíbel como a nosa Ría, proceso no que a responsabilidade a teñen os vertidos de nutrientes (Nitróxeno e Fósforo); e neste tipo de contaminación ao que se refire a amentada directiva europea, teñen responsabilidade tanto os vertidos da depuradora como os de ENCE. E cando a Unión Europea sanciona, está a sancionar a todas as aglomeracións existentes na Ría, entre as que consideran, coma unha máis, á propia fábrica de ENCE.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print