Diante da escaseza de auga, a prioridade é a veciñanza!


agua

De acordo coas declaracións do Concelleiro Raimundo González, o caudal do Río Lérez empeza a ser preocupante e, se como parece, as chuvias tardarán en chegar, poida que en pouco tempo esteamos a falar de situacións de escaseza de auga para a poboación.

Desde a APDR, consideramos fundamental que desde as administracións públicas se potencien políticas de consumo responsábel entre a poboación, tanto da auga como doutros bens escasos como os enerxéticos; nese sentido, facemos un chamamento para que en situacións como a actual, se eviten aqueles consumos públicos ou privados que poidan resultar prescindíbeis. E teñen que ser as administracións as primeiras en actuar consecuentemente para dar exemplo á cidadanía, limitando o gasto da auga naqueles servizos comunitarios que poidan ser menos necesarios ou tomando decisións que eviten, na medida do posíbel, ter que tomar medidas de restrición no servizo do auga ás persoas.

E, polo que fai ao Concello de Pontevedra, terá que tomar as decisións necesarias para conseguir limitar o consumo da auga do Lérez sen privar deste servizo á cidadanía, actuando sen máis demora -e antes de tomar a decisión de botar man da reserva do Pontillón do Castro- sobre aqueles consumos que máis contribúen á baixada do seu caudal. Coa vista posta neste obxectivo, resulta evidente que a primeira medida será esixir á empresa ENCE que mentres se manteña esta situación de escaseza de auga, restrinxa o gasto deste prezado ben, e mesmo que, de continuar a situación, paralice a produción.

Pontevedra, 2 de outubro de 2018

Ver artigo “Consellos da APDR para aforrar auga: Pechar ENCE e ELNOSA” cos datos de consumo de auga de ENCE

AFORRAR AUGA.ENCE.6-b2

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print