Sobre a caducidade da concesión de ELNOSA


29.xullo.2018-2b

Unha vez coñecidas as declaracións realizadas na tarde de hoxe pola Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, sobre o fin da concesión de ELNOSA, nas que mantén que mentres non se resolva o expediente de caducidade aberto no 2017, a empresa poderá seguir traballando en Lourizán, desde a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), vémonos na obriga de puntualizar certas cuestións que consideramos fundamentais para entender a situación.

En efecto, existe un expediente de caducidade aberto á empresa ELNOSA como consecuencia do cumprimento dunha denuncia xudicial que obrigou ao Estado a iniciar tal expediente; e é certo tamén que os expedientes de caducidade teñen 18 meses para a súa resolución, prazo que -no caso do que nos ocupa- vence o 27 de outubro próximo. Pero, dito isto, dáse neste caso un feito que é incontestábel e que semella estase a obviar pola Subdelegada do Goberno.

Con independencia da tramitación deste expediente de caducidade, hai unha razón indiscutíbel desde o punto de vista legal; o fin da actividade da fábrica de ELNOSA prodúcese, por Lei, este 29 de xullo, data na que finaliza a súa concesión en terreos de dominio público. Porque desde esa data ELNOSA carecerá do imprescindíbel “título habilitante”, situación que nada ten que ver coa tramitación ou non do aludido expediente de caducidade e que lle impide manter a actividade. Diriamos máis, nesta situación non é necesario sequera continuar o expediente de caducidade. E a propia fábrica asume que isto é así!

Por iso non se pode entender que razón pode levar a afirmar que a empresa poderá seguir traballando en Lourizán ata que se resolva o expediente, sinxelamente porque tal situación é contraria á Lei.

Para a APDR, ELNOSA ten que pechar a súa actividade este 29 de xullo e non imos mudar a folla de ruta marcada para este domingo; mantemos a nosa convocatoria de concentración na Praza da Peregrina ás 19 para colocar lazos verdes nas principais rúas da vila, lazos cos que queremos simbolizar que nesta data iníciase o fin do complexo ENCE-ELNOSA e comeza un futuro verde, de progreso social, ambiental e económico na nosa comarca, un futuro que só poderá ser certo coa desaparición definitiva do complexo.

Animamos á cidadanía a participar na concentración e na FESTA  posterior que, a partir das 20:30 terá lugar na sala Karma.

Descarga a nota de prensa

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print