A falta de 20 días para que remate o prazo da caducidade da concesión de Elnosa, o próximo 29 de xullo, representantes da APDR xuntámonos, este luns 9 de xullo, coa executiva local do PSdG de Pontevedra. Dita executiva comprometeuse transmitir a Madrid a necesidade de tomar decisións que favorezan a saída de Ence e Elnosa da ría e o traslado da súa produción a outro lado, dando saída a unha situación indesexada creada polo Goberno do PP.
Sobre ELNOSA:
Solicitamos a súa mediación para que se celebren as entrevistas solicitadas pola APDR co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a Ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, así como calquera outro representante ministerial implicado nesta materia. Solicitamos a súa implicación para abordar a resolución do expediente de caducidade da concesión de ELNOSA, IMPEDINDO QUE O FAGAN OS CARGOS DE CONFIANZA DA ADMINISTRACIÓN QUE LLE PRECEDEU NO GOBERNO e, consecuentemente, decrete a súa caducidade.
O deputado no Congreso por Pontevedra, Guillermo Meijón, informou que xa había transmitido dito mensaxe, o portavoz no Concello de Pontevedra, Agustín Fernández, pediu tempo para que se cree a estrutura ministerial necesaria para tomar decisións, e a secretaria xeral da agrupación local do PSdG de Pontevedra, Maica Larriba, asegurou que como nova subdelegada do Goberno en Pontevedra un dos seus primeiros obxectivos será entrevistarse coa Xefa do Servizo Provincial de Costas para informarse da situación.
Sobre ENCE:
No caso da prórroga por 60 anos concedida a Ence en 2016 polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy, o portavoz municipal do PSOE recordou que a xunta de goberno do Concello de Pontevedra presentou un recurso ante a Audiencia Nacional contra a prórroga de Ence. Agustín Fernández comprometeuse a solicitar ao goberno de Madrid a toma das medidas Político-administrativas necesarias para derrogar dita prórroga, no caso de que a sentenza non resolvera de forma satisfactoria.
Desde a APDR congratulámonos de que a posición do PSOE coincida coa nosa ante a posibilidade de actuar pola vía político-administrativa si pola xudicial non se resolve.