Vénse de coñecer que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ten estimado o recurso contencioso administrativo interposto polo Concello de Pontevedra contra a resolución da Xunta de Galicia que -no ano 2016- ampliaba o prazo de vixencia da Autorización Ambiental Integrada (AAI) de Elnosa sen darlle trámite de audiencia ao Concello e ao resto de persoas interesadas; é dicir, saltándose a legalidade ao non pór á exposición pública a decisión de ampliar a AAI. Obriga á Xunta o TSXG a retrotraer o expediente á situación anterior ao momento no que se ten tomado esta decisión.
Máis unha vez, a resolución xudicial prodúcese cando existen xa decisións posteriores (entre elas novas modificacións dos prazos de vixencia da propia AAI) que minimizan en moi boa medida as consecuencias prácticas da amentada resolución. Porén, e con independencia do percorrido que poida ter, a resolución permite tirar unha conclusión que convén non esquecer. Con demasiada frecuencia no que fai ao caso de ENCE e ELNOSA, o goberno galego toma decisións que entran en contradición coa legalidade, favorecendo sempre aos intereses das empresas.
Desde a APDR, que temos argumentado sempre no sentido que agora recoñece o TSXG e que, con seguridade, seguiremos loitando pola desaparición do complexo ENCE-ELNOSA da nosa Ría e para que, mentres non se dea esta situación, se lles esixa o cumprimento de toda a lexislación de aplicación (entre outras cousas os informes e permisos do Concello e a lexislación relativa ás augas residuais urbanas), queremos denunciar o comportamento da Xunta de Galicia, que non dubida en botar man de argumentos do máis peregrino para dar carpetazo a aquelas alegacións que non responden aos intereses empresariais, intereses que coinciden as máis das veces cos seus particulares.
Neste sentido, preguntámonos: para quen gobernan? desde logo, non para a cidadanía!