A APDR alega contra a revisión da AAI de ENCE


Taboa.auga.ence

A “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR) vén de presentar alegacións á revisión da Autorización Ambiental Integrada (AAI) de ENCE, un procedemento que a APDR considera irregular por tratarse da revisión dunha AAI concedida no seu día sen conformidade coa  lexislación de aplicación.

Son moitas as contradicións existentes entre o recollido na AAI outorgada a ENCE e os datos que a empresa presenta agora na Memoria-solicitude da súa revisión, unha situación que por si mesma debería levar á Consellería de Medio Ambiente a invalidar o procedemento. De acordo co recollido nesta Memoria, ENCE ten introducido modificacións no proceso de fabricación desde que foi aprobada a renovación da AAI, un comportamento que supón un claro incumprimento da AAI e que debería levar á Xunta a tomar medidas contra a empresa.

En calquera caso, o peso fundamental das nosas alegacións xira arredor das características do efluínte final da fábrica de pasta de papel. Neste sentido, debemos indicar que a APDR mantén que non se pode obviar que as augas residuais de ENCE teñen que cumprir a Directiva 91/271/CE e que os valores límite fixados para Sólidos en Suspensión (SS), Demanda Química de Osíxeno (DQO), Demanda Bioquímica de Osíxeno (DBO), Nitróxeno (N) e Fósforo (P) na AAI non poderían superar os valores establecidos para estes parámetros na amentada Directiva europea. E aporta a APDR como Anexo ás súas alegacións, a resposta da Comisión Europea que apoia de forma clara a súa posición. A realidade é que a AAI que agora se pretende revisar, permite vertidos á Ría con valores de SS, DBO, DQO, N e P moito máis elevados do permitido pola lexislación. Na táboa que reproducimos presentamos, de forma comparada, os valores medios diarios acadados por ENCE para estes parámetros ao longo do período 2008-2016 (en negro) e os permitidos pola lexislación para cada un deles (en vermello) en función do caudal vertido. Resulta evidente a permisividade da AAI e o incumprimento da lexislación do que falamos.

Así as cousas, desde a APDR esiximos que a Administración galega revise a AAI no sentido de adecuar as esixencias de vertido aos valores fixados pola lexislación europea, pois só así será posíbel protexer a calidade das augas da Ría, obxectivo último da lexislación.

E, xa por último, mantemos que os valores límite asociados ás Mellores Técnicas Dispoñíbeis (MTD) aspecto no que se centra a Memoria presentada por ENCE, non son de aplicación a esta empresa, xa que a UE resérvaos para aquelas empresas que verten as súas augas residuais de forma directa ás augas receptoras, indicando con claridade que para aquelas empresas que -é o caso de ENCE- que verten a través dunha instalación de augas residuais urbanas, se debe aplicar os valores recollidos na Directiva 91/271/CEE.

E solicitamos que se teñan en conta as nosas alegacións, se dite resolución que anule a AAI e se revisen as condicións fixadas na mesma, adaptándoas á lexislación vixente, moi particularmente á Directiva 91/271/CEE por ser esta a que a UE reserva para os casos das fábricas de pasta de papel que non verten as súas augas residuais de forma directa no medio receptor.

Descarga nota completa co anexo da resposta do membro da Comisión Europea Sr. Vella, presentada nas nosas alegacións.

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print