ELNOSA: peche definitivo ou corrupción ambiental!


mesa.elnosa-modif

O pasado 20 de xuño, e en escrito dirixido ao Director Xeral de Medio Ambiente, D. Daniel Calleja, solicitabamos amparo desde a APDR á Comisión Europea diante do máis que previsíbel incumprimento da Directiva 2010/75/UE por parte da Xunta de Galicia. As declaracións dalgún alto cargo do goberno galego facían pensar que, en efecto, se estaba a procurar unha prórroga ao uso do mercurio en ELNOSA máis alá do 11 de decembro deste ano, unha solución adoptada polo goberno de Cantabria para a planta de SOLVAY en Torrelavega e declarada como ilegal desde a amentada Dirección Xeral da UE.

Neste sentido, solicitabamos a súa intervención mediante “un pronunciamento semellante ao emitido no seu día en relación coa fábrica de SOLVAY”, un pronunciamento que deixase clara ao goberno galego “a imposibilidade de outorgar calquera prórroga para a continuidade do uso do mercurio en Lourizán máis alá da data fixada pola UE ao respecto”.

E chega agora a resposta contundente da Comisión Europea, dirixida directamente á Xunta de Galicia, que non só incide na negativa á prórroga de ELNOSA en Lourizán mentres non mude a tecnoloxía, senón que esixe a “retirada do mercurio almacenado na fábrica” con anterioridade a esa data. Trátase sen dúbida dun importante atranco aos intereses de ELNOSA que, lonxe de ter dado os pasos necesarios para adaptar a súa tecnoloxía ás esixencias da UE, preferiu optar -así o fixo sempre- polo camiño da busca de subterfuxios para-legais (cando non abertamente ilegais) da man dos seus mentores na Xunta e no Goberno central. Confían no PP para eludir a Lei, e todo indica que uns e outros andan a buscar solucións “alternativas” a un problema que ten a súa orixe na concesión e posterior renovación irregular da Autorización Ambiental Integrada (AAI), unha AAI que a Xunta pretende revisar agora e que dificilmente poderá ver a luz en prazo.

O PP non pode eludir o trámite da exposición pública da memoria para a renovación da AAI de ELNOSA, un procedemento no que a APDR será parte interesada e que se pode presumir vai estar cheo de irregularidades. Porque, coa Lei na man, non se pode renovar unha AAI en base ás promesas de que a empresa vai acometer un cambio de tecnoloxía; porque, ademais, a concesión de ELNOSA está en tela de xuízo, sometida a un expediente de caducidade aberto hai máis dun ano e medio e do que nada se sabe, un expediente no que poderá actuar a APDR porque -con  seguridade- ganaremos pola vía xudicial o que se nos nega de forma sorprendente pola vía administrativa.

Coa Lei na man, ELNOSA ten as datas contadas; e, en moi boa medida, esta situación é froito dunha errada política da dirección empresarial que, mentres incumpría todas os prazos dados pola UE para adaptarse aos novos tempos, utilizou ao comité de empresa e ao sindicato CC.OO. para desviar a atención cara ao Concello, á APDR e á cidadanía da comarca, sinalándoos coma os responsábeis da mesma. Como se explica senón, que se estea a falar de “difamacións” cando se está a reflectir a realidade? ELNOSA é ilegal, non se axusta ás normas urbanísticas, incumpre a lexislación ambiental, incumpriu todos os prazos dados pola UE para mudar de tecnoloxía e todos os acordos asinados coa Xunta de Galicia,e o PP tapou ollos, nariz e orellas na defensa dos intereses particulares da empresa, dos seus propios intereses, e obviou sempre a defensa do interese xeral e o medio ambiente. Manterán unha vez máis Xunta e Goberno central esta mesma actitude ou, finalmente, farán cumprir a Lei? Agardemos!!!

Pontevedra, 27 de xullo de 2017

Ver nota de prensa

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print