O xoves 10 de abril estivemos de Asemblea Xeral


A “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), vén de celebrar a súa Asemblea Xeral Ordinaria correspondente ao ano 2025. Aprobadas por unanimidade a acta da asamblea anterior e os balanzos económico e de actividades correspondentes ao ano 2024, elixiuse a nova Xunta Directiva, que asumirá a responsabilidade de dirixir durante os vindeiros tres anos as tarefas da Asociación. Aínda que se mantén a estrutura fundamental da anterior, incorpóranse tres persoas novas (José Luís Gama Castro, Luciano Santiago Andión e Uxía Couto Escobar), polo que quedará constituída por un total de catorce persoas.

Na amentada asemblea aprobáronse as liñas de traballo para o período 2025-2026, no que imos seguir afondando naqueles temas que tradicionalmente nos veñen ocupando (a saída de ENCE de Lourizán, os vertidos aos ríos Lérez e Gafos e á Ría, a protección ambiental da illa de Tambo, ou a loita contra a eucaliptización do monte galego), máis tamén na loita contra a instalación de Altri e contra a política da Xunta de Galicia no que fai á minería e a instalación de muíños eólicos no país. Trataremos de facer seguimento ás decisións da Xunta na xestión do litoral, de forma moi especial naqueles aspectos que motivaron as nosas alegacións ao proxecto de “Lei do litoral” que deu lugar á transferencia de competencias agora aprobada, e traballaremos na busca de posíbeis estratexias para minimizar o impacto do “cambio global”.

No que fai ao traballo a curto prazo, acordouse convocar unha nova MARCHA CONTRA AS CELULOSAS, que acolla a loita contra ENCE e contra ALTRI, para o DOMINGO 1 DE XUÑO.

Nesta ocasión, a Marcha terá “carácter nacional”, seguindo o modelo de convocatoria utilizado en anteriores mobilizacións contra ALTRI.

Xa por último, acordáronse varias actividades para desenvolver ao longo do mes de maio, no que, ademais, adicaremos un esforzo especial á convocatoria para a MARCHA:

DIA 9 DE MAIO: Ás 19:30 na Facultade de BELAS ARTES, proxección do DOCUMENTAL “A LOITA FINAL”, sobre a loita contra ALTRI, dirixido e realizado por ENRIQUE BANET e producido por MABEL RIVERA.

DÍA 22 DE MAIO: Ás 20:00 no TEATRO PRINCIPAL, proxección do DOCUMENTAL “FILTRANDO A LUZ”, sobre a historia do movemento ecoloxista galego, dirixido e realizado por XACOBE MELÉNDREZ FASSBENDER.

DIA 30 DE MAIO: Ás 20:15 na Biblioteca de MARÍN e en colaboración co Colectivo ALMUINHA, CHARLA SOBRE ALTRI.

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print