Sobre o anuncio de folga na empresa ENCE


De acordo co recollido nos medios de comunicación, o Comité de empresa de ENCE vén de “ameazar con iniciar unha folga nas instalacións de Lourizán”. Até aquí, nada anormal; o persoal de ENCE -como o de calquera outra empresa- está no seu dereito de facer unha folga se o entende necesario. Porén, sorprenden moitas das afirmacións que realizan para xustificar a súa decisión, afirmacións ás que -desde logo- non nos teñen acostumados e que entran en evidente contradición coas posicións defendidas con anterioridade.

Con efecto, son moitas as ocasións nas que adoptan posicións contrarias ás que teñen defendido sempre de forma vehemente e mesmo violenta, moitas as ocasións nas que agora coinciden coas nosas posicións ao respecto da realidade de ENCE:

Admiten agora que, coma vimos denunciando na APDR, a situación da fábrica é lamentábel, e que o “mal estado das instalacións pode derivar en calquera momento en graves accidentes”, unha evidencia que negaron mesmo cando o CEO da empresa, o Sr. de Colmenares, aseguraba que o mal estado da caldeira podería “provocar un susto medio ambiental mayúsculo en cualquier momento”, e cando admitía posíbeis afectacións para as persoas.

Admiten agora que, coma dixemos sempre nós, as instalacións da fábrica están obsoletas e chegan a afirmar que “é urxente actuar para que o persoal non morra na fábrica”.

Restan credibilidade, como fixemos sempre na APDR, ás promesas de inversións feitas polos seus directivos, aos que acusan de que “unha vez conseguida a prórroga”, limitáronse a facer inversións puntuais para manter o funcionamento da empresa.

Non teñen reparos en admitir que desde a empresa, como aseguramos sempre na APDR, dánse cifras esaxeradas cando se fala de empregos directos na instalación de Lourizán; aseguran agora que, como indicamos nós sempre, na fábrica hai só “algo máis de 250 empregos fixos”.

Recoñecen tamén que a empresa “aproveitou o tema das promesas de inversións” para conseguir a prórroga e evitar o peche da fábrica; admiten, pois, que -como vimos denunciando desde a APDR- ENCE non está cumprindo os acordos asinados coa Xunta de Galicia a raíz da concesión da prórroga. Só lles falta admitir publicamente o que moitos deles admiten en privado: que ENCE non ten futuro en Lourizán.

Con todo, este posicionamento debera supor un exercicio de autocrítica tanto por parte dos Comités de empresa, como polo conxunto do persoal da fábrica, e o recoñecemento da súa cota de responsabilidade na situación existente na fábrica e nos incumprimentos por parte da dirección, xa que -como denunciamos en sobradas ocasións- optaron sempre, e de forma decidida, pola defensa dos intereses da empresa, esquecendo a defensa dos seus dereitos como traballadores, uns dereitos que agora recoñecen son sistematicamente conculcados. Agardemos que o fagan.

E agardemos tamén que moitas persoas e colectivos, que veñen defendendo de forma acrítica e interesada as consignas emitidas desde ENCE, saiban escoitar as voces do persoal da empresa e muden o seu discurso.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print