A Coordinadora Eólica Así Non! anuncia a convocatoria dunha mobilización descentralizada o domingo, día 26 de xaneiro, coincidindo co Día Mundial da Enerxía Limpa, para denunciar o modelo de espolio enerxético que promove a Xunta de Galiza.
Un modelo que Eólica Así Non! afirma que non ten en conta os intereses da poboación, que ten como principal obxectivo beneficiar o capital e que tampouco ofrece garantías de preservación medioambiental, tal e como están a demostrar todas as paralizacións cautelares que resolve o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
A Coordinadora denuncia ademais as últimas reformas legais da Xunta de Galiza, que teñen como obxectivo dificultar que a poboación se poida defender diante destes proxectos agresivos e depredadores do territorio, destinando recursos públicos para exercer “violencia institucional” contra as comunidades de veciñas e veciños afectados. Comunidades que sofren un continuo acoso administrativo a través da sobresaturación de proxectos, da desregulamentación e da xeración de inseguridade xurídica, difamando e criminalizando a protesta social.
Eólica Así Non! aposta por unha nova planificación eólica real, que ordene a explotación desta enerxía no territorio, con obxectivos sociais e ambientais, facendo partícipe ao pobo galego e non en función dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas.
MOBILIZACIÓNS
Cartelle. Concentración na Alameda, ás 12h
Val do Dubra. Concentración diante do Concello de Bembibre, ás 12h
Mazaricos. Andaina ata o Castelo de Bradufe. Saída do Alto da Ruña ás 12h
Ortigueira. Andaina a Pena Ouseira. Saída no Bar A Rodela, ás 11h
Morrazo. Concentración diante do Concello de Marín, ás 12h
Pontevedra. Concentración na Praza da Peregrina, ás 13h
Campo Lameiro. Andaina. Saída na Escola de Couso, ás 16h
Sarria. Concentración no Cruce de Catro Camiños coa R/ da Liberdade, ás 12h
Lugo. Concentración diante do concello de Lugo ás 12h. Saída en manifestación ata o Multiusos da Xunta.