Que pasa co saneamento de Poio


Desde hai certo tempo, sucédense no litoral do Concello de Poio episodios de contaminación e vertidos que deixan ver que algo non funciona ao respecto do saneamento. Con efecto véñense producindo, de forma repetitiva no tempo, vertidos de fecais en distintas zonas do Concello, ben sexa nos areais ben en terra firme ou no mar, e outros vertidos que poida que teñan a mesma ou distinta orixe e composición pero que na APDR non chegamos a coñecer a súa procedencia.

Son moitas as ocasións nas que temos denunciado esa situación sen que teñamos recibido unha resposta clara e definitiva ao respecto e, desde logo, sen que as nosas denuncias teñan servido para que as autoridades municipais adopten as oportunas decisións para remediar o problema. Á denuncia pública da situación que se estaba a producir na localidade de Combarro, na que durante varias semanas a veciñanza tivo que soportar cheiros nauseabundos como consecuencia da existencia de vertidos fecais incontrolados nas praias do Padrón e da Rúa, sucedeulle logo unha nova denuncia pola presencia de fecais na praia de Lourido, unha situación que -ao noso entender- non estivo ben xestionada polo goberno local.

Como se lembrará porque os medios de comunicación recolleron a noticia, a finais de agosto o Concello de Poio desaconsellaba o baño na praia de Lourido pola presenza de elevados niveis de “Esquerichia coli”, un episodio de contaminación que debería ter sido mellor informado (mediante indicacións en todos e cada un dos accesos á praia), e que -como medida de precaución- debeu dar lugar á prohibición do baño e o marisqueo na zona. Nestas alturas, descoñecemos aínda cal foi a causa que provocou a presenza destas bacterias na zona; trátase dun vertido incontrolado de fecais? dun vertido procedente da propia rede de fecais? Trátase de bacterias procedentes doutro tipo de vertidos? Non se debera obviar que a presenza desta bacteria non é unha característica exclusiva dos vertidos domiciliarios, e que mesmo nos vertidos da empresa Ence teñen aparecido cantidades alarmantemente elevadas desta bacteria, unha realidade reflectida en moitas das inspecciones realizadas pola Xunta de Galicia nas súas augas residuais.

Recentemente temos observado (e denunciado aos organismos competentes) novos vertidos no porto de Combarro, vertidos dos que descoñecemos a súa composición e procedencia, aspectos que deben ser analizados e confirmados polas autoridades locais ou autonómicas que, ademais, deberán informar coa maior rapidez á opinión pública.

Evidentemente, todos estes episodios de vertidos contaminantes, esixen unha inmediata solución, e deixan ver o mal funcionamento do saneamento no Concello de Poio que, sen dúbida, precisa dunha reforma e de maior control. É moi posíbel que algunha destas situacións que vimos de denunciar teñan a súa orixe (directa ou indirectamente) no aumento da poboación que soporta o Concello no período estival; neste caso, as autoridades municipais teñen a obriga de estudar a situación e, de ser o caso, adaptar as infraestruturas de saneamento hoxe existentes para que estean dimensionadas de forma que poidan recoller e tratar de forma axeitada as augas residuais domiciliarias correspondentes a ese volume de poboación. Desde a APDR esiximos ao Concello de Poio que acometa as medidas necesarias en materia de saneamento para que situacións como as agora denunciadas pasen a ser parte dunha historia que ninguén desexa.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print