O Tribunal Supremo desestima as pretensións de ENCE


Na Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) temos constancia de que o Tribunal Supremo (en adiante TS) ten re-iniciado a tramitación do procedemento correspondente á sentenza ditada no ano 2016 pola Audiencia Nacional (en adiante AN) que estimaba o recurso da nosa Asociación e, en consecuencia, anulaba a prórroga da concesión de ENCE en Lourizán. Debemos lembrar aquí que esta tramitación quedou suspendida mediante dilixencia ditada polo TS en marzo de 2022, que paralizaba a decisión de admisión/non admisión dos recursos de casación presentados por ENCE e outros actores contra a amentada sentenza. Baseaba o TS esta suspensión na existencia dunha estreita relación entre a cuestión de interese casacional proposta no noso recurso e as apreciadas polo Alto tribunal nos autos ditados para os recursos presentados polo Concello de Pontevedra e Greenpeace, unha relación que na APDR consideramos -como pouco- dubidosa.

Como queira que en ambos os dous casos o fallo do TS ten estimado os recursos interpostos por ENCE e outros recorrentes fronte ás sentenzas ditadas pola AN, a representación da empresa (con data 12 de febreiro deste ano) solicitou á Sala terceira do Contencioso-Administrativo do TS, a continuación da tramitación do recurso que nos ocupa; exercía así, evidentemente, un dereito que o ordenamento xurídico contempla.

Até aquí, nada que non entre dentro do normal; porén, debemos sinalar que ENCE sostiña que a tramitación do recurso debería realizarse de acordo co estipulado no artigo 94 da Lei reguladora da Jurisdicción Contencioso-Administrativa (LJCA), o que suporía a aplicación inmediata ao noso recurso da decisión acordada previamente nas sentencias anteriores.

Pois ben, a Sala terceira do TS vén de emitir providencia desestimando a solicitude de ENCE e resolvendo continuar a tramitación do procedemento correspondente ao noso recurso pola vía ordinaria prevista no artigo 92 da amentada LJCA, unha decisión que garante os nosos dereitos á defensa ao posibilitar que a APDR presente escrito de oposición e manifeste as razóns que -ao noso entender- deberan levar á desestimación dos recursos de casación das partes recorrentes.

Queremos salientar aquí o silencio dos responsábeis de ENCE ao respecto desta decisión xudicial que afecta de forma directa ao procedemento seguido contra a prórroga da súa concesión, un silencio que contrasta coas declaracións realizadas hai poucas datas para tratar de aproveitar unha decisión xudicial que en nada afecta ao procedemento que nos ocupa. En efecto, dicir que a inadmisión a trámite polo Tribunal Constitucional dun recurso de amparo presentado pola Avogacía do estado “despexa as dúbidas sobre o futuro de ENCE Pontevedra” ou “dota de seguridade xurídica plena a actividade e permanencia da fábrica en Pontevedra”, non só amosa o absoluto descoñecemento do marco xurídico vixente, senón o talante fachendoso e buscabullas dos seus directivos.

Pola nosa banda, queremos manifestar a nosa firme decisión de seguir loitando -por todos os medios ao noso alcance- contra a permanencia de ENCE en Lourizán e por un futuro que devolva a Pontevedra, aos pobos da Ría e á comarca enteira, o benestar económico e ambiental que nos foi arrebatado coa instalación da celulosa.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print