O Domingo 16 de xuño saimos das Alamedas de Marín e Pontevedra de MARCHA CONTRA AS CELULOSAS:
NIN ENCE NA RÍA, NIN ALTRI NA ULLOA !!!
CELULOSAS FÓRA !!!
Grazas pola asistencia multudinaria!!!:
Cando en 1958 o goberno franquista decidía instalar unha celulosa en Galiza, pousou os seus ollos en Pontecesures por consideralo o lugar idóneo. A oposición dos pescadores do Ulla e da Ría de Arousa, a suposta menor riqueza marisqueira da nosa Ría, e -sobre todo- a inexistencia de lexislación ambiental para os vertidos ao mar, fixo mudar o seu emprazamento para Lourizán; e non é pouca a xente que xustifica aquela aberrante decisión por se tratar dun goberno autoritario e falto de sensibilidade ambiental; hoxe, din, ningún goberno sería quen de facelo.
Pois ben, o tempo deixou ver o errado daquela afirmación; hoxe, igual que daquela, o goberno corrupto da Xunta de Galicia, opta por potenciar un modelo económico depredador dos recursos naturais, do medio ambiente, a saúde e a calidade de vida das persoas, en beneficio duns poucos, vendendo o patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico do pobo galego a quen máis ofreza.
Hoxe, a Xunta de Galicia apoia submisamente a absurda e ilegal permanencia de ENCE na Ría, e mesmo auspicia a ampliación das súas instalacións, o aumento da produción, do consumo de auga e materias primas e, consecuentemente, o dos vertidos e emisións á atmosfera, dos cheiros e ruídos e, en definitiva, o dos danos ambientais e as molestias á veciñanza, que vai sufrir ademais- o aumento do impacto visual e paisaxístico da fábrica.
Hoxe, a Xunta de Galicia, apoia e promove tamén o proxecto de celulosa que a portuguesa ALTRI quere instalar en Palas de Rei, unha fábrica que -máis aló da incidencia ambiental no encoro de Portodemouros, no río Ulla e na Ría de Arousa- vai afectar coas emisións atmosféricas, cheiros e ruído á saúde das persoas e á calidade de vida da comarca, unha comarca que ten na agricultura e na gandería ecolóxicas e no turismo ligado ao camiño de Santiago, o seu medio de vida.
Na APDR non somos alleos á loita contra a instalación de ALTRI no corazón de Galiza; sabemos que esa loita e a que mantemos pola saída de ENCE da Ría, fan parte da loita polo obxectivo común dun futuro digno e sustentábel para as persoas, un futuro baseado na explotación racional dos nosos recursos e incompatíbel co modelo que defende a Xunta de Galicia.
Por iso, hoxe máis que nunca, berramos: CELULOSAS FÓRA !!!
Ver abaixo fotos, vídeos e o texto lido:
Ver galeria de imágenes recibidas en: https://www.facebook.com/media/set?vanity=defensadaria&set=a.762031129423266
Ver ou descargar o MANIFESTO lido por Antón Masa:
MANIFESTO NA “MARCHA CONTRA AS CELULOSAS DE ENCE E ALTRI”
Moi bos días e un saúdo cheo de cariño e agradecemento desde a Xunta Directiva da Asociación Pola Defensa da Ría… A vosa presenza aquí danos novas forzas para continuar na loita pola recuperación do noso futuro, un futuro que pasa pola eliminación da fábrica de ENCE da nosa Ría e das nosas vidas…
Cando en 1958 o goberno franquista decidía instalar unha celulosa en Galiza, pousou os seus ollos en Pontecesures por consideralo o lugar idóneo. A oposición dos pescadores do Ulla e da Ría de Arousa, a suposta menor riqueza marisqueira da nosa Ría, e -sobre todo- a inexistencia de lexislación ambiental para os vertidos ao mar, fixo mudar o seu emprazamento para Lourizán; e aquela aberrante decisión do goberno franquista de instalar -co uso da forza armada- unha fábrica de pasta de papel aquí, no lugar de Os Praceres, roubando para elo o mellor dos bancos marisqueiros da Ría e as nosas praias urbanas, foi xustificada por non poucas persoas en base á compoñente autoritaria daquel goberno e á falta de sensibilidade medio ambiental da sociedade dos anos 50; hoxe, afirman, ningún goberno sería quen de facelo.
Pois ben, por desgraza, os feitos poñen negro sobre branco o errado daquelas afirmacións e hoxe, o goberno corrupto da Xunta de Galicia, opta por potenciar un modelo económico depredador dos recursos naturais, do medio ambiente, a saúde e a calidade de vida das persoas, en beneficio duns poucos, vendendo o patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico do pobo galego a quen máis ofreza.
Hoxe, a Xunta de Galicia, non só defende submisamente a absurda e ilegal permanencia da fábrica de ENCE aquí en Lourizán, senón que auspicia a ampliación das súas instalacións, o aumento da produción, do consumo de auga e materias primas e, consecuentemente, o dos vertidos e emisións á atmosfera, dos cheiros e ruídos e, en definitiva, o dos danos ambientais e as molestias á veciñanza, que -ademais- vai sufrir as consecuencias do aumento do impacto visual e paisaxístico da fábrica.
Ademais, hoxe, a Xunta de Galicia, apoia e promove o proxecto doutra celulosa na Ulloa. Se nos anos 50, o goberno de Franco decidía sacrificar a Ría de Pontevedra e a nosa comarca en beneficio duns poucos e a costa da eliminación do medio de vida derivado da explotación do marisqueo e a pesca, hoxe, en pleno século XXI, un goberno saído das urnas, pretende sacrificar a comarca da Ulloa, o río Ulla e a Ría de Arousa para instalar, tamén pola forza, ALTRI en beneficio exclusivo dos seus promotores. Trátase dun proxecto que -como ENCE- vai consumir enormes cantidades de auga e eucaliptos, que vai verter no río Ulla e contaminar de forma importante o río, o encoro de Portodemouros e mesmo a Ría de Arousa, pondo en grave risco a situación do sector marisqueiro, que atravesa un dos momentos máis críticos da súa historia e que podería verse abocado á desaparición. E todo a cambio duns poucos postos de traballo que nada teñen que ver coas necesidades daquela comarca, na que apenas existe paro e na que o medio de vida da inmensa maior parte da poboación ten que ver coa agricultura e gandería ecolóxicas e co turismo ligado ao Camiño de Santiago, actividades todas elas incompatíbeis coa presenza na zona dunha fábrica de pasta de celulosa.
Na APDR somos conscientes de que a loita que levamos aquí contra ENCE e a loita que a Plataforma ULLOA VIVA e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa están a levar adiante para evitar a chegada de ALTRI a Palas de Rei, son parte dunha mesma loita; por iso a apoiamos de forma decidida e tamén por iso este ano, a nosa MARCHA adquire un carácter máis amplo converténdose nunha MARCHA CONTRA AS CELULOSAS… O lema escollido, NIN ENCE NA RÍA, NIN ALTRI NA ULLOA… CELULOSAS FÓRA !!! non deixa lugar a dúbidas. Por iso seguiremos berrando ALTRI NON e seguiremos apoiando de forma activa calquera convocatoria que teña a loita contra a instalación de ALTRI na ULLOA por obxectivo.
Neste sentido, queremos convocarvos desde xa a participar o próximo DOMINGO 30 en Compostela na cadea humana que, convocada por ULLOA VIVA e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, e apoiada xa por moitos outros colectivos sociais, arrodeará o edificio da Xunta de Galicia en San Caetano para rexeitar o proxecto da pasteira e para esixir ao goberno de Rueda que escoite á veciñanza e poña fin a este despropósito.
Sen máis, déixovos coa representante da Plataforma ULLOA VIVA e aproveito para lembrarvos que ao remate da MARCHA, teremos festa popular na alameda de Pontevedra,
Grazas, forza e moito ánimo…. ALTRI NON, ENCE FÓRA!
Ver máis en:
16 de xuño: MARCHA CONTRA CELULOSAS. Nin ENCE na Ría, Nin ALTRI na Ulloa